sábado, 20 de xullo de 2019

Salsa marinara

Bo día, bolboreteir@s!! Aquí hoxe estamos de celebración. O 20 de xullo de 2017 conseguiamos unha praza nas oposicións e o 20 de xullo do ano seguinte outra. Ímonos de festa!! Mais antes, deixámosvos unha das últimas creacións, unha salsa non tan coñecida mais que cremos que vos pode dar moito xogo para as vosas receitas de pasta, carne...
De feito, nós ímosvola presentar en dúas quendas. Hoxe o mollo só e proximamente o prato en que a utilizamos. Delicia!
Aquí sempre tentamos facer unha acumulación de recursos para o día a día e este cremos que é moi interesante. Tócavos opinar ;-)




Salsa marinara



Ingredientes:


  • 450-500 g de tomates pelados (en bote ou ao natural)
  • 1 cebola
  • 2-3 dentes de allo
  • 2 culleradas de ourego
  • 1 cullerada de alfábega
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva



Utensilios: unha tixola con tapa e unha culler.



Elaboración:

Para comezarmos, temos de rustrir os dentes de allo picados en dúas culleradas de aceite. 


Cando empece a ter cor, engadimos a cebola, tamén ben picadiña. Deixamos que se doure uns minutos. 


Agregamos os tomates, nós usámolos de botes mais podédelos usar naturais. Tapamos a tixola e deixamos que se cociñen 10-12 minutos. 


Pasado ese tempo, quitamos a tapa e deixamos cociñar 10 minutos máis. Engadimos o ourego, a alfábega e a pementa moída e o sal ao gusto. Mesturamos moi ben e deixamos cociñar 3-4 minutos máis. 


Podemos usar esta salsa ao momento acompañando pasta, pizza, albóndegas, arroz... ou gardala nun recipiente hermético e conservala uns días máis no frigorífico. Así mesmo, se vos gusta máis, podédela triturar e quedará máis final, a nós gústannos máis atoparnos os anacos ;).


Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica e que nos mostredes as múltiplas opcións de combinación. Aperta forte, bolboreteir@s!


Ningún comentario:

Publicar un comentario