martes, 23 de xullo de 2019

Picado de sandía (cun toque de cítrico)

Bo día, bolboreteir@s!! Por aquí pola Mariña luguesa non días de sol e praia en exceso mais o calmazo/bochorno si lle chega ben. Especialmente aquí á editora que ten un forno incorporado durante 9 meses e todo o que sirva para refrescar é moi moi benvido.
Aínda que a tendencia son os xeados, temos outra perdición, os picados. Encontrámolos normalmente nos locais de praia a través do castelanismo "granizado" e a nós fannos tolear. E dixemos, e por que non probar na casa? E cal é a nosa froita favorita? Pois a sandía que se dá moi ben para isto pola cantidade de zume que ofrece. Ollade que tentación!





Picado de sandía (cun toque de cítrico)






Ingredientes:

  • 800 g de sandía
  • O zume de medio limón










Utensilios: unha cunca para batir, un recipiente para o conxelador, un batedor eléctrico, un coitelo e un garfo.



Elaboración:

Para comezarmos, temos de cortar a sandía en anacos e botámoslle o zume de medio limón (ou lima, o que máis vos guste).


Trituramos moi ben a mestura. 


Botámola no recipiente e conxelamos durante 1 hora. Pasado ese tempo, movemos o zume de sandía co garfo e volvemos ao conxelador. Repetimos cada hora até ter a textura desexada. 
Se quixerdes facer un granizado máis rápido, teriades que bater o zume directamente con xeo. 


A nós levounos, aproximadamente tres horas ;). Servimos e a refrescarse!! Que gustazo! Xa sabedes, hai que probar na casa con estas receitas. Quen non arrisca, non petisca! Gozádeo, amig@s!

1 comentario:

  1. Estou afacéndome a comer sandía e coido que está receita vaime ir moi ben. Graciñas
    Ana

    ResponderEliminar