martes, 16 de xullo de 2019

Arroz con especias e gambas

Boas noites, queridos lectores e lectoras! Vimos dar algo de sabor á noite cun prato exquisito. Desta volta collemos inspiración dunha das nosas blogueiras favoritas, Isasaweis. Concretamente do seu último libro, "Las 100 mejores recetas de Isasaweis".
Pois ben, aínda que iamos sobre seguro porque adoramos este tipo de arroces salteados, estilo asiático, acabou por sorprendernos. E non digamos das que mostraban máis desconfianza na casa. Case relamben o prato!
Dunha forma ou doutra, adoramos arroces tradicionais, arroces modernos e arroces de todo tipo. A papalo!



Arroz con especias e gambas


Ingredientes:

  • 1 vaso de arroz
  • 3 vasos de auga
  • 100 g de chícharos
  • 300 g de gambas
  • 1 cebola
  • 1-2 dentes de allo
  • 2 culleriñas de coco relado
  • 1/2 culleriña de xenxibre
  • 1/4 culleriña de canela
  • Abelás torradas
  • Aceite de oliva
  • Sal
  • A reladura dun limón (opcional)

Utensilios: unha pota, unha tixola, unha picadora e unha culler.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar o arroz. Para iso, fervemos a auga cun chisco de sal e engadimos o arroz e os chícharos. Cando volva ferver, baixamos o lume e deixamos cociñar 12-13 minutos. Reservamos.


Mentres tanto, trituramos na picadora os dentes de allo xunto co coco, o xenxibre, a canela e unhas abelás torradas. Reservamos.











Na tixola, engadimos un chisco de aceite e rustrimos a cebola ben picadiña.


Cando estea dourada, agregamos o allo picado xunto ás especias e as abelás. Cociñamos 2-3 minutos.


Pasado ese tempo, botamos as gambas e cociñamos, de novo, 2-3 minutos.


De seguir, incorporamos o arroz cos chícharos e fritimos todo xunto uns minutos. 


Servimos cunhas abelás e a reladura do limón.


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste!! Para saírnos un pouco da rutina alimenticia esta receita cremos que pode triunfar en moitas cociñas. Na nosa ten a repetición xa ganada.
Forte aperta, bolboreteir@s!!


2 comentarios:

  1. Ummmmmmm que arroz mas rico y con avellanas con lo que me gustan.
    Una pena no poder dar cuenta de un plato seguro que me encantaria os ha quedado un plato de relujo.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar