Bo día, bolboreteir@s! Falabamos no último artigo de puntos recomendábeis da cidade da Coruña e claro, con tanto comentar, acabou por nos entrar a fame. Precisamente coa mención do Thai Market, veunos á mente a posibilidade de argallar cuns noodles, un dos produtos estrela da carta thai.
Estes fideos xaponeses andan a gañar visibilidade na nosa gastronomía, convivindo coa xa asentada pasta italiana. Aínda que as similitudes son evidentes, as texturas e sabor dos mesmos fican distantes.
Pensamos desta volta en lle darmos sabor con verduras e gambas mais recomendámosvos sobre todo que experimentedes con eles e procuredes cal pode ser a combinación axeitada para vós. Aquí fica esta idea.
Noodles de arroz con gambas
Ingredientes:
- Noodles de arroz
- 200 g de gambas
- 1/2 cabaciña
- 1 cenoria grande
- 2 dentes de allo
- 1 cullerada de curry
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
- Auga
Utensilios: unha pota (ou unha cunca grande), unha tixola, unha mandolina (ou relador) e unha culler de pau.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de sumexir os noodles nunha pota con auga morna. Deixámolos así 15-20 minutos.
Mentres tanto, preparamos o acompañamento. Nunha tixola con dúas culleradas de aceite rustrimos as gambas, xa cocidas, e os dentes de allo. Cando estan listas, retiramos do lume e reservamos.
Na mesma tixola que fixemos as gambas, engadimos un chisco máis de aceite e rustrimos a cabaciña e a cenoria reladas. Cociñamos 5-6 minutos.
De seguir, botamos, de novo, as gambas e os dentes de allo e mesturamos moi ben.
Agregamos a cullerada de curry e o sal e a pementa ao gusto.
A continuación, escoamos os noodles e engadímolos tamén. Rustrimos 3-4 minutos todo xunto.
E xa estarían listo para comer!
Agardamos que vos gusten e que poñades en práctica esta deliciosa receita.
Ben, con este apetecíbel e proveitoso prato imos facer un parón dun par de semanas que vos explicaremos nos próximos días. Tranquis que é por bo motivo e de felicidade! Non imos estar e, por tanto, non andaremos moito na rede. Estade atent@s porque esta é unha semana de moitísimas novidades! Fortísima aperta, amig@s!
Moitas grazas 😘
ResponderEliminar