Bolboreteir@s!! Como estades? Nós de cine pois vimos dunha finde moi intensa polo noso amado Lugo, con voda o sábado en Sarria. Maneira de papar, amig@s! Aínda temos gravada na retina a cara dos convidad@s que viñan de fóra ante tal exhibición culinaria, haha.
Pero nós hoxe imos healthy, moi healthy. Como prometemos xa hai unhas semanas, traemos o que foi para nós a descuberta da tempada, os poke bowls. Xa hai uns poucos anos que abriron negocios de comida hawaiana na Coruña mais a verdade é que até este outono non nos dera por probar. E sorprendeunos moitísimo xa que percibimos certos toques da comida xaponesa como os propios arroces pero nun prato moi ambicioso no que se poden incorporar elementos moi diversos.
A orixe está en Hawai e a palabra "poke" ou "pok-ei" viña a significar cortado en anacos pequenos, referíndose principalmente ao peixe capturado no día, de maneira crúa. A partir de aí sabemos que o paradisíaco destino ten recibido frecuentes chegadas de navegantes polinésicos, xaponeses, estadounidenses o que se mostra en influencias varias que tamén afectan a este prato. E sabe, vaia se sabe o poke bowl.
Poke bowls
Ingredientes:
Para a base:
- Arroz para sushi
- Auga
- Maionesa
- Salsa sriracha
- Limón
- Allo en po
- Sal
Para a opción 1:
- Seitán
- Edamame
- Tomates cereixa
- Aguacate
- Bataca doce
- Especias
- Mestura de sementes
Para a opción 2:
- Seitán
- Pepino
- Cenoria relada
- Mango
- Mestura de sementes
Utensilios: dúas potas, dúas tixolas, táboa e coitelo e dúas cuncas para servir.
Elaboración:
Para comezarmos, cociñamos o arroz para sushi segundo as intruccións do paquete. No noso caso, cocímolo en abundante auga (1 l por cada 65 g de arroz) e despois escoámolo e paramos a cocción con auga fría. Reservamos.
Preparamos a salsa maionesa de sriracha. Para iso, mesturamos a maionesa con dúas culleradas de salsa sriracha.
De seguir, engadímoslle o zume dun limón e un pouco de allo en po.
Reservamos tamén.
Cocemos os edamame en abundante auga durante 3 minutos.
Quitamos os grans da vaina e reservamos.
Para facermos a bataca, cortámola en cadradiños pequenos e rustrímola nun chisco de aceite coas especias que máis nos gusten.
Reservamos.
Na outra tixola, rustrimos o seitán, cortado en lascas, nun chisco de aceite. Reservamos tamén.
Por último, cortamos o cogombriño, os tomatiños e o aguacate. E xa empezamos a montar. Primeiro, o arroz.
A salsa.
Para a opción 1, poñemos os edamame, os tomatiños, o aguacate, a bataca, o seitán e botamos a mistura de especias.
Para a opción 2, o pepino, o seitán, a manga e a cenoria.
E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten. Xogades con eles, probade, e veredes que combinación de sabores que seguro encaixades ás marabillas. Aperta, amig@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario