martes, 17 de febreiro de 2015

Polo con mazá

Por fin martes de Entroido aínda que nos entristecemos porque xa vai morrendo, xa está próximo o Enterro da sardiña... Con todo, de comer nunca paramos, que ben sabedes o lambóns que somos. Entre tantas dozuras que estamos a degustar estes días (non sei cantos freixós paparíamos onte...XD) tamén hai lugar para carnes, pescados, sopas... É por esta razón pola que hoxe vos imos presentar unha receita de polo, unha das nosas carnes preferidas para o noso bandullo e tamén para o noso peto, que seguramente non coñezades.
A verdade, esta é unha receita tradicional na nosa casa, vena facendo miña nai xa hai ben tempo e nós sempre devecemos por ela. Con todo, nalgún momento nos había ter que tocar a nós facela. E a transición na cociña foi óptima, todo saíu á perfección e o pito quedou tenro e coa humidade do mollo da mazá que fai este prato exquisito.
Talvez algúns e algunhas nunca vos pensarades nunha combinación como esta, xa que digamos que non é do máis común. Porén, os dous elementos fusiónanse á perfección xa que a mazá, ao se asar, ofrece un sabor doce ao polo moi interesante e crea unha salsa riquísima. Coidamos que vos ha de gustar.

Polo con mazá

Ingredientes
  • 1 polo enteiro
  • 4-5 mazás
  • 1 vaso viño branco
  • 1 vaso de auga
  • 1/2 vaso de aceite
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: bandexa apta para forno, coitelo. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos que limpar moi  ben o polo. Adobámolo co aceite, o allo en po, a pementa moída e o sal e colocámolo nunha bandexa apta forno. 


A continuación, quitámoslle a parte de arriba e a de abaixo ás mazás e reenchemos o polo cunha. Para esta receita, podedes escoller a clase de mazá que máis vos guste; nós, neste caso, escollemos a golden. 


Colocamos o resto das mazás na bandexa, e botamos o viño branco e a auga. De ser preciso, no medio da cocción podemos engadir un pouco máis de viño e de auga para que estea máis saboroso. De seguir, enfornamos a 180º, calor abaixo e co gratinador, durante, aproximadamente, 1 hora e media.


 E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que probedes con esta receita xa que está deliciosa. 


Se gustades do polo, e especialmente asado, non podedes deixar de probar esta combinación. Tod@s @s que por aquí a probaron quedaron gratamente sorprendid@s e para nós xa é un prato moi recorrente do que nos valer frecuentemente. Unha forte aperta e pasade o mellor martes de Entroido posíbel. Até a seguinte!

2 comentarios:

  1. La manzana le da un sabor agridulce a la carne que me encanta ! Te ha quedado un plato de lo más sabroso, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, a verdade é que é espectacular o sabor que lle dá e queda un prato delicioso e diferente, co que podemos sorprender!
      Moitas grazas polo comentario.
      Un bico,
      Diana

      Eliminar