sábado, 14 de febreiro de 2015

Galleta xigante

Chegou o Entroido!!!! Días de felicidade, moita festa e como xa dixemos unha e mil veces, de moitas larpeiradas!! Nós andamos dia tras día entre filloas, orellas, roscas e chulas, non perdoamos unha!
Porén, nesta última fin de semana tivemos unha celebracións cuns pouc@s amig@s así que levamos unha pequena sobremesa. Non nos merecía a pena unha torta desas das que comen moit@s, preferiamos algo máis pequeniño. Así pois, deunos por pensar en facer galletas, mais doutra forma, unificándoa nunha soa, para lograr unha galleta enorme da que tod@s retirarmos a porción correspondente. Certo é, que a receita orixinal é sacada da páxina de Alma Cupcakes, aínda que lle realizamos algunha que outra modificación.
Poucas veces veríades unha bolacha tan tan grande. Ademais, ao ser bastante grosa, acaba por ser bastante farturenta. A ver quen se atreve a comer esta galleta enteira!!

Galleta xigante

Ingredientes:

  • 300 gr de fariña
  • 170 gr de manteiga
  • 115 gr azucre moreno
  • 115 gr de azucre branco
  • 75 gr de chocolate
  • 1 ovo enteiro e unha clara
  • 1 cullerada de vainilla
  • 1 culleriña de lévedo
Para a decoración: boliñas de chocolate, fídeos de chocolate, figuriñas de azucre... 

Utensilios: batedor, espátula, molde apto para forno.


Elaboracións: 

Para comezarmos, temos de bater a manteiga, que debe estar a temperatura ambiente, e os dous azucres. 



De seguir, engadimos os ovos e a vainilla e batemos moi ben. 



A continuación, engadimos a fariña e o lévedo peneirados pouco a pouco. 


Finalmente, engadimos o chocolate (o que máis vos guste. Neste caso, o noso era negro) troceado. 


Botamos a mestura nun molde apto para microndas, previamente cuberto de manteiga e fariña, e alisamos a superficie. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 30 minutos. 


Decoramos ao noso gusto, deixamos que se temple e xa estaría lista para comer!


Vaia lambonada!!! Supoño que estes días non vos poñeredes con ela porque suficiente é a cantidade de freixós e orellas que seguramente esteades papando, mais nas próximas semanas, cando teñades depurado, é unha moi moi boa opción. Ademais, esta cookie enorme entra ben a calquera momento: almorzo, sobremesa, merenda... Non habedes de quedar con fame con ela :-)
Pasade bo Entroido amig@s e recordade que tedes en Bolboretas no bandullo as receitas tradicionais desta época. Só é cuestión de procurardes no buscador. Unha forte aperta entroideir@s!!

2 comentarios:

  1. Ten unha pinta... que non me vou poder resistir a facela! Iso, despois do Entroido! hehe Biquinhos!! ;)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alégranos moito escoitar iso e agardamos con ansia a foto co resultado!!
      Un bico!!

      Eliminar