sábado, 9 de maio de 2020

Torta de tres froitas

Bo día, bolboreteir@s! Hoxe levantámonos moi lambóns así que dixemos, e por que non presentamos hoxe unha larpeirada potente?  E así foi que trouxemos esta torta de tres froitas que non deixa nada que envexar á de tres chocolates, por poñer un exemplo.
Esta creación veu dada con motivo do pasado Día da Nai, no que algunhas eramos homenaxeadas por primeira vez. Procuramos na rede ideas de tortas e vimos que a combinación das cores derivadas das froitas quedaban moi ben así que pensamos en procurar unhas ben intensas en cor para facer unha fermosa combinación. 
Aquí tedes os pasos e o resultado.



Torta de tres froitas


Ingredientes:


Para a base: 
  • 1 paquete de galletas tipo Digestive
  • 2-3 culleradas de manteiga
Para a 1ª capa: 
  • 375 g de arandos
  • 180 g de leite condensado
  • 120 ml de auga
  • 15 g de xelatina en po
Para a 2ª capa:
  • 375 g de pexegos en bote
  • 180 g de leite condensado 
  • 120 ml de auga
  • 15 g de xelatina en po
Para a 3ª capa:
  • 375 g de amorodos
  • 180 g de leite condensado 
  • 120 ml de auga
  • 15 g de xelatina en po 

Utensilios: unha cunca grande e unha pequena, un batedor eléctrico, unha picadora, unha culler e un molde desmoldábel. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a base da torta. Para iso, trituramos as galletas e mesturámolas coa manteiga derretida até formar unha pasta. Estendémola no fondo do molde e refrixeramos.











De seguir, facemos a 1ª capa. Mesturamos a xelatina coa auga e deixamos repousar 10 min, até que a xelatina absorba toda a auga. 


Trituramos os arandos co leite condensado.



Quentamos a xelatina no microondas uns seguntos até que se volva líquida de novo e botámoslla á froita. Trituramos un momento máis. Vertemos a mestura no molde e refrixeramos uns 30 min, até que solidifique.











Repetimos o mesmo proceso para as outras dúas capas. 



Refrixeramos 2-3 horas máis. 


Decoramos con froita sobre unha cama de galleta, con nata, chocolate... ou co que máis vos guste.


E xa estaría lista para comer!



Mmmmmm, apetece, verdade? Nós ficamos con moitas ganas de a recrear unha e mil veces pois combina a frescura que achegan as froitas coa dozura dunha torta coma estas. Gozádea inmensamente. Aperta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario