mércores, 6 de maio de 2020

Torta da avoa

Pero como podía ser, amig@s, que case 7 anos e 600 receitas despois non tiveramos no blogue unha das nosas receitas "fetiche"? Estabamos alucinados cando nos decatamos deste oco na nosa listaxe. Mais a solución foi sinxela. Poñémonos inmediatamente coa creación. E con isto non tardamos moito porque temos cada un dos pasos ancorados na nosa memoria pois son moitos anos recreando esta lambetada na nosa casa, tanto pola nosa parte como da mamá e a avoa.
Sexa como for, alén de clásica, é para nós unha das sobremesas máis efectivas nos fogares e restaurantes galegos. Unha combinación sinxela que serve para pór o broche larpeiro perfecto a calquera menú. Hai diversas variantes e aquí vos deixamos a nosa para que comparedes ou poñades en práctica.



Torta da avoa


Ingredientes: 

  • 2,200 l de leite
  • 3 sobres de Flanín
  • 150/200 g de chocolate Paladín
  • Galletas tipo “María”
  • Viño doce
  • Para decorar: coco relado ou chocolate branco 


Utensilios: dous cazos, unha taza, un pratos, un molde e varias culleres.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de preparar o chocolate. Para iso, quentamos nun cazo 1 l de leite. Cando empece a quentar, imos engadindo o chocolate, pouco a pouco, até conseguir un chocolate á taza. Para que quede perfecto, temos que remexer moito para evitar os gromos. Reservamos.


A continuación, facemos as natillas. Quentamos 750 ml de leite. Diluímos os tres sobres nunha cunca con leite frío (250 ml). Cando o leite empece a ferver, botamos o contido da cunca e mesturamos moi ben até que espese. Reservamos.


Comezamos a montaxe da torta! Mesturamos os 200 ml de leite que nos quedan con 3-4 cullerasas do viño doce. Emborrachamos as galletas na mestura e ímolas colocando no fondo do molde.












Botamos a metade das natillas.


Cubrimos, de novo, con galletas molladas en leite e viño doce.


Agregamos o chocolate.


E repetimos o proceso: galletas, natillas, galletas, chocolate.



Refrixeramos 1-2 horas. E decoramos co coco relado ou co chocolate, tamén relado. Tamén, podedes usar boliñas de chocolate, froitos vermellos.., ou o que máis vos guste. 


E xa estaría lista para comer, aínda que está máis rica se a facedes o día anterior.


Canto gozamos coa preparación daquelas receitas que máis dominamos e que sabemos que sempre saen ben. E é que a torta da avoa asegura o éxito. Non é a torta máis espectacular nin a máis fermosa mais ollo, porque nos garante unha sobremesa eficaz. Agardemos que desfrutedes moito dela. Forte aperta, bolboreteir@s!

1 comentario: