Bo día, bolboreteir@s!!! Como vai todo? Supoñemos que agora xa algo mellor posto que xa podemos pór o pé na rúa con máis frecuencia e iso axuda a levalo mellor aínda que non alcancemos de momento a ansiada normalidade.
Nós damos por rematada a fase -1 que podemos denominar case que a de engorde, haha, posto que foron moitas lambetadas papadas e pouco exercicio. Agora xa podemos saír correr un pouquiño pero ollo, que as lambetadas non paran. Mentres haxa saúde, seguirán a ser un luxo para darnos de vez en cando.
Ben, pois hoxe presentamos unha receita clásica onde as haxa, o flan de vainilla. Cando compramos o do super sempre optamos por esta versión así que tiñamos claro que o caseiro sería tamén coa vainilla como protagonista. Imos por el!
Flan de vainilla
Ingredientes:
Para o caramelo:
- 100 g de azucre
- 3 culleradas de auga
Para o flan:
Utensilios: unha pota e unha tixola, unha cunca, un batedor manual, un coitelo, dúas fontes aptas para o forno e papel de aluminio.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer o caramelo. Para iso, mesturamos nunha tixola o azucre e máis a auga.
Poñemos a lume medio baixo e cando vexamos as primeiras burbullas podemos mover un chisco a tixola.
Pasados uns minutiños, empezará a ter cor dourada. Canto máis tempo o deixemos, máis amargo estará. Botámolo no molde e reservamos.
Mentres tanto, quentamos o leite co limón, o azucre e a vainilla para aromatizar o leite. 3-4 minutos será suficiente.
Á parte, batemos os ovos.
De seguir, botamos o leite sobre os ovos e mesturamos moi ben.
Vertemos a mestura no molde e colocámolo sobre outro, ao baño maría, con auga quente. Enfornamos a 160º, calor arriba e abaixo, durante 40 minutos.
Metemos no frigorífico 2 horas, desmoldámos e xa estaría listo para comer!
Agardamos que vos guste! Aquí só ficamos con pena por telo feito tan pequeno. Dunha tacada case foi todo aló. O que tan ben sabe, pouco dura. Para a próxima facemos un flan para 12 persoas a ver se así nos dura para tres veces canto menos, haha. Aperta forte e moito ánimo!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario