Bo día, bolboreteir@s! Como segue todo? Parece que comezamos a ver algo de luz ao fondo, canto menos aquí estamos xa máis felices despois de dar o primeiro paseo co peque en semanas.
Ben, e seguimos con máis receitas. Hoxe cunha nova versión dun dos nosos pratos favoritos. Os quiches pasaron a formar parte dos nosos menús desde que os coñecemos xa hai uns anos. Esta torta salgada ofrécenos moitas posibilidades debido á súa adaptabilidade a practicamente calquera alimento. Xa o temos feito de mil e unha maneiras: de touciño, de tomatiños e olivas, de xamón e espinacas... Ollade polo blogue e escollede a vosa preferida.
E por se non eran suficientes, aquí unha para @s máis carnívoros. Aí vos vai!
Quiche de carne
Ingredientes:
- Masa quebrada
- 500 g de carne picada
- 1 pemento vermello
- 1 cebola
- 1 tomate
- Olivas
- Millo
- 1-2 dentes de allo
- Queixo relado
- Curry
- Ourego
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
Utensilios: un molde apto para o forno, unha tixola, papel vexetal e transparente, un rolete e unha culler.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de facer a masa quebrada (tedes un montón de receitas no blogue).
Mentres tanto, facemos o recheo, en dúas culleradas de aceite, rustrimos a cebola e o pemento.
Cando estean brandiños, agregamos a carne picada e as especias ao noso gusto. Cociñamos 6-7 minutos.
Cando a carne estea lista, agregamos as olivas picadas e o millo. Mesturamos moi ben.
Colocamos o recheo sobre a masa.
Cortamos o tomate en lascas e colocámolas sobre a torta.
Botamos o queixo relado, tamén ao noso gusto.
Forneamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 25 minutos, aproximadamente.
E xa estaría lista para comer!
Apetecíbel, verdade. Hai receitas nas que vas sobre seguro e esta é unha delas. Non hai máis que ollar os ingredientes... Aínda que iso non fai que sempre haxa un suspiro de felicidade ao probar o primeiro bocado da nosa creación. Oxalá vos guste, bolboreteir@s!
Ningún comentario:
Publicar un comentario