sábado, 25 de abril de 2020

Empanada de chocolate

Bo día, bolboreteir@s! Como vai iso? Por aquí con ganas de que chegue mañá xa que poderemos saír tomar o aire un pouquiño por fin co peque. Pouco a pouco.
E mentres, máis lambonadas para vós e para nós, claro. A de hoxe talvez vos soe diferente. Quixemos argallar algo novo, que nunca viramos até o momento. E ao mesmo tempo, é un prato que ten os ingredientes básicos para funcionar de marabilla. A empanada de chocolate veu á nosa cabeza despois de degustar a pizza de chocolate nun napolitano da Coruña. Era un produto de 10, a verdade e pensamos por que non iamos ter unha versión galega tamén. Ademais, xa temos versións doces da empanada con moito éxito como a de mazá.
Así pois, matinamos na preparación para que non fose apenas masa e chocolate. E isto foi o que se nos ocorreu. Adiante!




Empanada de chocolate



Ingredientes:



Para a masa:
  • 400 g de fariña de trigo, máis extra
  • 100 g de  améndoa moída
  • 300 ml auga, aproximadamente
  • 1 sobre de lévedo seco de panadaría
Para o recheo:
  • 150 g de chocolate
  • 80 g de manteiga
  • 80 g de azucre
  • 2 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
  • Abelás

Utensilios: dúas cuncas, un batedor manual, unha bandexa para o forno e papel vexetal e un rolete. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer a masa da nosa empanada. Para iso, mesturamos a fariña, a améndoa e o lévedo. 


Remexemos ben e agregamos, pouco a pouco, a auga. Queremos unha masa elástica mais un pouco húmida. 


Cando estea lista, tapámola e deixamos repousar até que duplique o seu tamaño. 




Mentras repousa a masa, facemos a crema de chocolate. Derretimos o chocolate. 


Botámoslle a manteiga e mesturamos moi ben.  


Agregamos o azucre e a vainilla e integramos ben os ingredientes. 


Botamos os ovos, un a un. 


E as abelás, ben picadiñas. Reservamos para que espese un pouco. 


Estiramos a metade da masa e dámoslle a forma que máis nos guste. 


Estendemos a crema de chocolate. Deixade un pouco máis de bordos. 


Estiramos a outra metade e tapamos. Pechade ben os bordos para que non se saia o recheo, como nos pasou a nós. 


Enfornamos a 210º, calor arriba e abaixo, durante 25 min. Como vedes, a nós abriúsenos un pouco por un lado, porque non sellamos ben os bordos. 


Deixamos que se atempere un pouco e xa estaría lista para comer!


Ollade que é tan sinxelo como unha empanada calquera, simplemente ter un pouco de paciencia coa masa. Recomendamos talvez esta empanada para xantares non moi copiosos xa que é unha sobremesa potente. Ou senón, para unha boa merenda. 
Por aquí estamos moi orgullosos desta creación e agora agardamos que a gocedes inmensamente. Xa nos dicides a vosa opinión. Lémonos ;-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario