sábado, 13 de maio de 2017

Pavlova de chocolate

Tiña que ser, tiña que ser, a primeira torta da canle de Youtube. A primeira receita do blogue, alá por finais do 2013 foi unha torta sendo este tipo de receitas nas que nos centramos nos comezos. Curiosamente, cinco meses despois de abrir a canle de receitas no Youtube aínda non subiramos ningunha co que xa sentiamos un baleiro importante. É certo que a elaboración de tortas na nosa casa está orientada ás celebracións, de aí que nestes últimos meses, ao non coincidir apenas aniversarios ou festexos, non subiramos tortas.
Ben, pois agora nesta tempada veredes como se incrementan pois tivemos algunha persoa a cumprir anos, días especiais e aproxímanse xa as moi diversas festas de primavera e verán. 
Imos pois con esta xoia da cociña oceánica. Si, nunca tan lonxe chegaramos coas receitas e iso que probamos desde Brasil, a Alemaña até chegar a Rusia ou China. Porén, esta torta que encontramos nun vello libro de cociña transportounos a este novo continente. Non se sabe moi ben o país de orixe, ou máis ben, hai unha gran discusión entre dous territorios próximos arredor da súa propiedade orixinal: Australia e Nova Zelandia. 
Iso si, antes de nos adentrarmos na historia, por aquí estabamos seguros da orixe rusa debido a ese nome tan peculiar. Claro, está ligado a unha bailarina dese mesmo país que foi honrada coa elaboración desta torta á chegada a un destes países oceánicos. De feito, na actualidade é unha das sobremesas máis consagradas na repostaría deste territorio. Non sei vós, mais nós non nos perderiamos esta vídeo-receita por nada. Aquí vos deixamos a ligazón á receita na nosa canle de Youtube.


Pavlova de chocolate


Ingredientes:


Para o merengue:
  • 6 claras de ovo
  • 300 g de azucre glas
  • 5 culleradas de cacao en po
  • 1 cullerada de vinagre
  • 1 cullerada de maicena
Para a crema de queixo:
  • 500 ml de nata
  • 250 g de mascarpone
  • 2 culleradas de azucre
Para a decoración:
  • Crema de queixo
  • Chocolate con leite
  • Amorodos
  • Bolas de chocolate branco
  • Bolas de chocolate con leite
  • Fídeos de chocolate

Utensilios: varias cuncas grandes, un batedor eléctrico, unha espátula, papel vexetal, un prato, un bolígrafo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de facer o merengue. Para iso, batemos as claras. Cando estean semimontadas, engadimos o vinagre, a maicena e a vainilla. 
















Continuamos batendo até que as claras estean montadas, é dicir, firmes. 


De seguir, engadimos o cacao, pouco a pouco, e integrámolo coa axuda dunha espátula dunha espátula con movementos envolventes. 





Sobre papel vexetal e, coa axuda dun prato e dun bolígrafo, debuxamos dous círculos. Isto serviranos de base para facermos as formas do merengue. 





Prequentamos o forno a 220º, calor arriba e baixo, e no momento de meter no forno, baixamos a 130º. Cociñamos durante 1 hora e 40 minutos. Pasado ese tempo, apagamos o forno e deixamos que enfríe dentro del.


A continuación,  temos de montar a crema de queixo. Para iso, mesturamos o mascarpone, a nata e o azucre e batemos até que a nata monte. De seguir, temos de montar a torta! Colocamos no prato en que imos presentar unha das bases do merengue, poñemos a metade da crema de queixo e unhas lascas de amorodos. 



Tapamos coa outra base de merengue. Neste paso, é normal que o merengue rompa un pouco, así que non vos preocupedes. 


Decoramos co resto da crema, máis amorodos.



Facemos uns debuxos co chocolate derreitdo e colocamos as boliñas de chocolate. 


Refrixeramos polo menos unha hora, para que asenten os sabores e xa estaría lista para comer! 


Agardamos que vos guste e que a fagades na casa, porque non vos ides arrepentir, está deliciosa 🤤🤤!!


Mimadriña, que pinta. Só vendo as fotos e recordando o goce de cada bocado se nos fai a boca auguiña. Non sabemos se é a mellor torta que nunca comemos porque temos probado moitas e moi boas mais, sen dúbida, está entre as máis saborosas e sobre todo diferentes. É dificilmente comparábel a ningunha outra. 
Aquí vos queda a receita escrita e tamén a ligazón para verdes o vídeo da elaboración paso a paso: PAVLOVA DE CHOCOLATE
Forte aperta, bolboreteir@s!!

4 comentarios:

  1. Ten unha pinta impresionante!!!

    ResponderEliminar
  2. Te puedes creer que nunca he echo una pavlova y me encanto la unica vez que la comi en casa de una amiga en unas fiestas .
    Te ha quedado de relujo y me imagino lo riquisimaaaa que tenia que estar , es una pena no poder dar cuenta de un trozo babeando me marcho.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois é bastante fácil, aínda que no forno ten que estar bastante tempo, e está deliciosa!!
      Bicos!!

      Eliminar