martes, 12 de maio de 2015

Picos froiteiros

Con estes días énos imposíbel non pensar en receitas fresquiñas e lixeiras, que alén de estar boísimas, sérvennos para depurarmos e levarmos unha alimentación equilibrada. E a receita de hoxe está tan fresca que a acabamos de facer. Erguémonos cun pouco de tempo para almorzar e con moitas ganas de froita así que pensamos nun modo de degustar diversas froitas e esta foi a que se nos ocorriu. Ademais coincidiu que tiñamos algunha na casa moi doce e axeitada para unha saborosa combinación. Aquí vos queda; comprobaredes que pouco máis sinxela pode ser, alén das múltiplas posibilidades de elaboración que vos ofrece:

Pico froiteiro

Ingredientes:
  • 1 manga
  • 1 plátano
  • 1 kiwi
  • 5-6 amorodos
  • 50 gr de chocolate branco

Utensilios: varios picos, unha culler e un coitelo.

Elaboración:

Para facermos esta sinxela receita só temos de seguir uns poucos pasos. O primeiro, escoller a froita que máis nos guste para os picos. 



De seguir, estonamos a froita ou, no caso dos amorodos, lavámolos moi ben e cortámolos en anacos ou lascas. 


A continuación, cravamos os anacos de froita nos picos. Podedes seguir a orde que prefirades e mesmo xogar coas cores para que sexan máis chamativos. 


Despois, fundimos o chocolate branco, no microndas ou ao baño maría, e botámolo por enriba das froitas coa axuda dunha culler para podermos facer pequenos fios. 


E, por último, refrixeramos 20-30 para que endureza un pouco o chocolate e xa estarían preparados para comer! 


Ollade que pinta! Isto de seguro que lle encanta aos máis pequen@s, e de paso aproveitamos para que coman un pouco máis de froita... E que esa combinación de cores fai estes espetos tan atractivos que resulta imposíbel resistírmonos. E ese toque de chocolate branco dálle un toque especial. Nós utilizamos estas froitas porque gustamos moito delas e eran as que tiñamos na casa, mais xa vedes, só tedes que coller as que máis vos prazan e nun momento teredes un manxar co que sorprender tamén a alguén nun xantar ou cea especial. Que delicia! Pasade bo martes caloroso bolboreteir@s! Unha aperta :-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario