domingo, 17 de maio de 2015

Trufas

Avisavamos onte polas redes sociais da mudanza de rutina nesta fin de semana canto ao día de publicación. E o motivo non é outro que o de coincidirmos co Día das nosas letras. Non podemos esquecer a primeira motivación na creación deste blogue, a de colaborarmos coa normalización do idioma e co seu uso en todos os ámbitos, fixándomonos nós no gastronómico. E ese segue a ser o noso gran obxectivo, traervos con frecuencia as diversas receitas que preparamos e facelo no idioma que nos corresponde como galegos.
Ben, a pesar de que este ano non traemos un prato especial en honra ao homenaxeado (como si fixeramos o ano pasado: Torta de millo de Guitiriz) por non concordarmos coa súa elección, si queriamos aproveitar para adozar un pouco o día das nosas letras, e facémolo cunha sobremesa que até o de agora non vos presentáramos, mais que foi das primeiras que aprendimos a facer xa hai ben tempo. Un recurso que adoramos facer de vez en cando. Agardamos que vos guste a receita e tamén o poema que vos deixamos abaixo:

Trufas

Ingredientes (para 55-60 trufas):
  • 600 gr de chocolate fondente
  • 500 ml de nata
  • 50 ml de coñac
  • Para decorar: fideos de chocolate, cacao en po, boliñas de azucre, améndoas picadas...

Utensilios: cazo, culler de pau/ batedor, cunca, plato, dúas culleres, cápsulas de papel. 


Elaboración: 

Para comerzarmos, temos de quentar un pouco a nata.


De seguir, engadimos o chocolate cortado en anacos e remexemos até que se desfaiga completamente o chocolate. 










Despois, engadimos o coñac e mesturamos moi ben.










Cando os tres ingredientes estean integrados, botamos a mestura nunca cunca e metemos no coxelador até que endureza o chocolate.









A continuación, coa axuda de dúas culleres, collemos porcións de masas e facemos pequenas boliñas. Pasámolas por fideos de chocolate, cacao, boliñas de azucre...  e colocámolas nas cápsulas de papel. E xa estarían preparadas para comer! 










Se as vamos comer no día, podémolas conservar no frigorífico mais, se as queremos gardar durante máis tempo, podémolas gardar no conxelador. 


Como sabemos que a maioría de vós sodes chocolateir@s, cremos que vos encantará esta receita e seguramente habedes de probar a facela máis cedo que tarde. Ou equivocámonos? haha. Que mellor forma de pór fin a un xantar que con esta dozura...


Bon, pois recordade que aínda que a de hoxe é unha data significativa, todos os días é preciso defendermos e loitarmos polo noso idioma sendo a única arma válida para garantir o seu futuro, o seu uso nosa vida diaria. Sempre teremos o privilexio de nos sentir orgullosos da lingua propia e tamén de a facer sentir viva e a desfrutrarmos eternamente.
PORQUE A LINGUA ESTÁ EN NÓS E SÓ NÓS SEREMOS QUEN DE FACELA VIVIR ETERNAMENTE.
E deixamos de agasallo un fermoso poema dedicado ao idioma dun dos nosos grandes escritores:

A fala  - Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Ningún comentario:

Publicar un comentario