Aquí estamos de novo cun produto dentro dos catalogados "comida rápida", aínda que convén non asociarmos este tipo de comida a aspectos negativos xa que non ten que ver a súa elaboración caseira coa dalgúns restaurantes fast-food. Que vai ter de malo prepararmos unha hamburguesa na casa sendo a carne unha fonte nutritiva importantísima? Despois si hai outros factores máis calóricos como o pan que venden no supermercado ou as diferentes salsas que empregamos. Así que todo dependerá de como decidamos elaborar a nosa hamburguesa. Nós desta atrevémonos cun novo xeito, ou máis ben, cunha nova carne.
Como nos encantan moitísimo os crioulos e adoitamos degustalos da forma máis tradicional ou simple (á brasa, con churrasco, na prancha...) queriamos probalos cunha nova receita, e o primeiro que nos veu á cabeza foi a través dunha hamburguesa. Non é nin moito menos un invento noso xa que é unha das grandes marabillas que podedes encontrar nas Galipizzas/Pizzbur, mais procuramos facelas dándolle o noso toque persoal, como a todo, claro :-)
Hamburguesa crioula
- 2 crioulos medianos
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 cebola
- 1 dente de allo
- Pementa moída
- Sal
- Opcional: pan de hamburguesa (receita aquí), queixo, leituga, tomate, cebola, patacas fritas, arroz, salsas etc.
Utensilios: picadora, cunca, culler, prancha.
Elaboración:
Para comezarmos, se temos a oportunidade de facer o pan caseiro, é o primeiro que debemos elaborar, tedes a ligazón á receita aquí. Nós, neste caso, tíñamos un pouco de apuro e decidimos mercalo, mais o sabor muda un chisco. Sempre defenderemos todo o que se poda facer na casa, claro, haha.
De seguir, debemos facer as nosas hamburguesas. Primeiro de todo, temos de quitarlle a pel ao chourizo separar ben a carne.
A continuación, picamos as verduras na picadora e mesturámolas coa carne. Engadimos un chisco de sal e pementa moída e mesturamos moi ben.
Coa axuda das mans, dámoslles a forma de hamburguesa. Neste paso, teremos que quitarlles o exceso de líquido que lles aportan as verduras.
Cociñámolas na prancha a lume medio polos dous lados até que estean ben feitas por dentro. Ide controlando isto porque como son algo gordiñas corremos o risco de que parezan feitas e despois nos levemos unha sorpresa ao meterlles o dente.
E xa estarían preparadas para comer! Porén, para que sexan máis saborosas podémolas acompañar cunhas patacas fritas, arroz, unha ensalada... ou podémolas montar coma unha hamburguesa clásica: co seu pan, queixo e as verduras que máis nos gusten. Nós fixémolas co pan, queixo cheddar, leituga, tomate, cebola e un chisco de salsa mostaza.
Agardamos que vos guste. Se sodes seguidores/as dos crioulos, xa podedes imaxinar que cousa rica vos ides atopar... Se é que hai mil e un modos de elaborar as hamburguesas, e o caso é que case sempre fican irresistíbeis. E con chorizo crioulo non ía ser menos. Ñam, ñam! Unha forte aperta bolboreteir@s!
Uummmmmmmmmmmmm que pintaaaaaza tiene madre ,mira que estoy llenita pero es ver las fotos y darme ganas de incarle el diente te han quedado de relujo.
ResponderEliminarLas brochetas de frutas al igual que las trufas tenian que estar de muerte relentaaaaaaaaa .
Bicos mil y feliz finde wapa.
Moitas grazas polas túas palabras!
ResponderEliminarUn saúdo e unha grande aperta!
Moitas grazas polas túas palabras!
ResponderEliminarUn saúdo e unha grande aperta!