Amosando publicacións coa etiqueta internacional. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta internacional. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de xuño de 2017

Berlinesas recheas

Bolboreteir@s, como levades o mes? Supoño que moit@s de vós content@s coa fin de curso que se aproxima. Hoxe ímosvos presentar unha lambonada moi moi gorentosa que presta para eses días en que andamos con moito estudo ou traballo. Tomar unha berlinesa coma esta ten un efecto relaxante que, calorías á marxe, pode darnos forza para continuar coa xornada de esforzo ou ben como recompensa a un día laborioso. O caso é pór unha excusa para comer, haha.
Sexa como for, a berlinesa é para nós un símbolo gastronómico da mocidade. Recórdanos á tempada de instituto cando na cafetaría vendían destas larpeiradas e algúns de nós as comprabamos case a cotío. Si, resistimos. O caso é que as tiñamos no esquecemento e a semana pasada, ollando un dos libros de Alma Cupcakes que temos pola casa ("Un año de dulces"), encontramos esta receita que non pensamos nin un segundo en levar á práctica.
E para lle dar máis variedade, preparámolas de dous sabores, amorodo e chocolate. E deixamos as de crema pendentes xa para outro día. Outra excusa máis para repetir.
O caso é que investigando descubrimos que este doce forma parte da repostaría tradicional alemá, algo que parece obvio ollando a denominación mais no que nin repararamos até o momento. Parece ser que as Berliner Pfannkuchen poden ter orixe, ou iso di a lenda, alá polo século XVIII, cando un panadeiro creou este pastel con forma de bóla de canón en honra ao emperador Federico o Grande. Como estaban no exterior, e ante a falta de fornos, tiveron que optar pola tixola. Neste caso non quedaría máis que berrar moitos "hurra!" a ese cociñeiro. Aí vai:




Berlinesas recheas


Ingredientes: 


Para as bombas:
  • 200 g de fariña de forza
  • 150 g de fariña de repostaría
  • 110 g de auga
  • 40 g de azucre
  • 25 g de manteiga
  • 2 ovos
  • 5 g de lévedo de panadaría
  • Un chisco de sal
  • Aceite
Para o recheo:
  • Crema de cacao

sábado, 13 de maio de 2017

Pavlova de chocolate

Tiña que ser, tiña que ser, a primeira torta da canle de Youtube. A primeira receita do blogue, alá por finais do 2013 foi unha torta sendo este tipo de receitas nas que nos centramos nos comezos. Curiosamente, cinco meses despois de abrir a canle de receitas no Youtube aínda non subiramos ningunha co que xa sentiamos un baleiro importante. É certo que a elaboración de tortas na nosa casa está orientada ás celebracións, de aí que nestes últimos meses, ao non coincidir apenas aniversarios ou festexos, non subiramos tortas.
Ben, pois agora nesta tempada veredes como se incrementan pois tivemos algunha persoa a cumprir anos, días especiais e aproxímanse xa as moi diversas festas de primavera e verán. 
Imos pois con esta xoia da cociña oceánica. Si, nunca tan lonxe chegaramos coas receitas e iso que probamos desde Brasil, a Alemaña até chegar a Rusia ou China. Porén, esta torta que encontramos nun vello libro de cociña transportounos a este novo continente. Non se sabe moi ben o país de orixe, ou máis ben, hai unha gran discusión entre dous territorios próximos arredor da súa propiedade orixinal: Australia e Nova Zelandia. 
Iso si, antes de nos adentrarmos na historia, por aquí estabamos seguros da orixe rusa debido a ese nome tan peculiar. Claro, está ligado a unha bailarina dese mesmo país que foi honrada coa elaboración desta torta á chegada a un destes países oceánicos. De feito, na actualidade é unha das sobremesas máis consagradas na repostaría deste territorio. Non sei vós, mais nós non nos perderiamos esta vídeo-receita por nada. Aquí vos deixamos a ligazón á receita na nosa canle de Youtube.


Pavlova de chocolate


Ingredientes:


Para o merengue:
  • 6 claras de ovo
  • 300 g de azucre glas
  • 5 culleradas de cacao en po
  • 1 cullerada de vinagre
  • 1 cullerada de maicena
Para a crema de queixo:
  • 500 ml de nata
  • 250 g de mascarpone
  • 2 culleradas de azucre