Tiña que ser, tiña que ser, a primeira torta da canle de Youtube. A primeira receita do blogue, alá por finais do 2013 foi unha torta sendo este tipo de receitas nas que nos centramos nos comezos. Curiosamente, cinco meses despois de abrir a canle de receitas no Youtube aínda non subiramos ningunha co que xa sentiamos un baleiro importante. É certo que a elaboración de tortas na nosa casa está orientada ás celebracións, de aí que nestes últimos meses, ao non coincidir apenas aniversarios ou festexos, non subiramos tortas.
Ben, pois agora nesta tempada veredes como se incrementan pois tivemos algunha persoa a cumprir anos, días especiais e aproxímanse xa as moi diversas festas de primavera e verán.
Imos pois con esta xoia da cociña oceánica. Si, nunca tan lonxe chegaramos coas receitas e iso que probamos desde Brasil, a Alemaña até chegar a Rusia ou China. Porén, esta torta que encontramos nun vello libro de cociña transportounos a este novo continente. Non se sabe moi ben o país de orixe, ou máis ben, hai unha gran discusión entre dous territorios próximos arredor da súa propiedade orixinal: Australia e Nova Zelandia.
Iso si, antes de nos adentrarmos na historia, por aquí estabamos seguros da orixe rusa debido a ese nome tan peculiar. Claro, está ligado a unha bailarina dese mesmo país que foi honrada coa elaboración desta torta á chegada a un destes países oceánicos. De feito, na actualidade é unha das sobremesas máis consagradas na repostaría deste territorio. Non sei vós, mais nós non nos perderiamos esta vídeo-receita por nada. Aquí vos deixamos a ligazón á receita
na nosa canle de Youtube.
Ingredientes:
Para o merengue:
- 6 claras de ovo
- 300 g de azucre glas
- 5 culleradas de cacao en po
- 1 cullerada de vinagre
- 1 cullerada de maicena
Para a crema de queixo:
- 500 ml de nata
- 250 g de mascarpone
- 2 culleradas de azucre