domingo, 3 de agosto de 2014

Torta mousse de amorodos

Onte estivemos de celebración xa que era o aniversario de David, o meu mozo, e por tanto tocou preparar unha nova torta, e tal e como o coñezo, sabía que tiña que ser de amorodos. E a que se me veu á cabeza desta volta era unha mousse, que xa probara a facer tempo atrás e quedara realmente boa.
Como ben sabedes, a principal característica da mousse é a súa textura, esponxosa, de feito o vocablo francés mousse significa esponxa. Esta torta, que se consagrou no sabor a chocolate, é de orixe francesa e parece que do século XIX, aínda que hai certa controversia sobre en que etapa foi e en que lugar concreto da Francia. Sexa como for, é unha torta recoñecida por ser ben diferente a outras certamente tradicionais por esa textura, e tamén por ser lixeira e fresca.

Torta mousse de amorodos

Ingredientes:

Para a base:

  • 125 gr de azucre moreno
  • 100 gr de fariña
  • 100 gr de manteiga
  • 2 ovos
  • Unha culleriña de lévedo en pó
  • Unha culleriña de vainilla
  • Un chisco de sal
Para a mousse:
  • 600 ml de nata
  • 500 gr de amorodos
  • 150 gr de azucre
  • 125 gr de iogur de amorodos
  • 10 láminas de xelatina
  • O zume dun limón

Elaboración:

Primeiramente temos de facer a base da nosa torta, un biscoito. Para iso, temos de mesturar a manteiga derretida co azucre. De seguir, engadimos o sal, os ovos, un a un, e a esencia e mesturamos ben. 



Por último, engadimos o lévedo mesturado coa fariña peneirados e mesturamos até conseguir unha mestura homoxénea. Enfornamos a 170º, calor abaixo e ventilador, durante 10-12 minutos. Reservamos.



Mentres arrefría o biscoito, facemos a mousse de amorodos. Para comezar, temos de pór as láminas de xelatina en auga tibia para que abranden. 


A continuación, trituramos 400 gr de amorodos e botámolos nunha poto xunto ao iogur, o zume de limón e o azucre. Mesturamos ben y quentamos sen que chegue a ferver. 




De seguir, agregamos a xelatina á mestura anterior e cociñamos uns minutos, de novo, sen que chegue a ferver. Deixamos que arrefríe. 


Montamos a nata e incorporámola pouco a pouco á crema de fresas.


Chegou a hora de montar a nosa torta! Temos de laminar o resto dos amorodos e colocalos sobre o biscoito e pegados aos bordos do molde desmoldábel. Despois agregamos a mousse de amorodos e refrixeramos até que solidifique a crema. 



Para finalizar, podemos decorar a nosa torta. Nós, neste caso, utilizamos un lapis comestíbel para escribir unha felicitación e montamos unha pouca máis de nata e, coa axuda da manga pasteleira, fixemos uns debuxos. Así mesmo, colocamos unhas perlas de azucre que axudan a que a decoración sexa máis chamativa. Porén, podedes utilizar amorodos, froitos secos, chocolate.. que seguro tamén queda espectacular.


Aí a tedes, e se a pinta vos gusta, asegúrovos que máis vos gustaría a torta polo que non quededes coas ganas e probade a facela. Un sabor moi suave que logra unha sobremesa ideal para o verán sobre todo nestra versión froiteira. Noutros momentos do ano talvez me atrevería coa de chocolate, mais agora presta moito unha de amorodos ou ben doutras froitas como ananás, cereixa ou plátano. Como ben sabedes, a cociña é moi personalizábel, de aí o divertido. Tod@s lle podemos dar o noso toque persoal e tentar marcar a diferenza. Que vos aproveite lambonciñ@s!!

2 comentarios:

  1. En primer lugar muchaaaaaaaaaaaaas felicidades a tu chico seguro que le encanto la tarta yo no he dejado de babear mientras me leia el post ummmmmmmmmm que pena no poder catar un trocito seguro estaba de muerte relenta.
    Como siempre receta y presentacion son de 10 points.
    Bicos mil y feliz semana wapisimaa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A torta desapareceu en 5 minutos, haha! A verdade é que é moi lixeira e fresca por iso non durou nada.
      Moitas grazas polas túas palabras!
      Feliz semana!

      Eliminar