Xa andamos por aquí de novo para traermos unha nova receita e hoxe si, deixamos á marxe, os doces para elaborarmos un manxar idóneo para os días de excursión ou para comerdes na praia pola súa comodidade e pola súa lixeireza. Estou seguro que vos encantarán estas delicias salgadas en que o vexetal se converte no elemento principal, sendo perfecto para calquera merenda destas de verán.
A idea orixinal vén da coñecida Isasaweis aínda que nós tentamos darlles o noso toque persoal esperando que vos guste e que probedes a facelas, son do máis sinxelo que hai :-)
Delicias salgadas
Ingredientes (para 8 delicias):
- 16 obleas
- 8 lascas de berenxena
- 8 lascas de cabaciño
- 8 lascas de pemento vermello
- Queixo ao gusto
- Ovo batido
- Sal
Elaboración:
Para comezarmos, temos de pasar pola prancha a berenxena, o cabaciño e o pemento vermello. Botamos un chisco de sal para que se fagan antes.
A continuación xa podemos preparar as delicias. Colocamos 8 obleas nunha bandexa de forno recuberta con papel vexetal, e colocamos sobre cada unha lasca de berenxena, unha de cabaciño e outra de pemento. Ademais, poñemos un pouco de queixo para que quede máis saboroso.
Batimos o ovo e pintamos os bordos, despois colocamos sobre cada unha outra oblea e selamos ben coa axuda dun garfo. De novo, pintamos con ovo.
Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, até que o ovo esté dourado, uns 10 minutos.
Deixamos arrefriar un pouco e xa estarían preparados para comer. Que aproveite!!
Pouco máis fáciles de facer podían ser! Unha outra boa forma de degustar verdura e mellorar a nosa alimentación. Ademais, xa vedes que podedes botar calquera tipo de produto, se gostades máis doutro tipo de verduras probade, e podedes dar un dos vosos recursos gastronómicos favoritos para este verán. Veña, que vos dá tempo antes de irdes para a praia ;-)
Ningún comentario:
Publicar un comentario