xoves, 7 de agosto de 2014

Cuscús de polo con espinacas e cogomelos

Aquí estamos neste verán de clima bastante estraño para vos traer unha nova receita! Estamos namorados da nosa gastronomía, mais como xa ides comprobando tamén nos encanta probar de vez en cando pratos de fóra. É por iso que nos atrevemos hoxe un prato de orixe árabe ao que, por suposto, lle demos o noso toque. Así elaboramos un completísimo cuscús de polo con espinacas e cogomelos. 
Alén de estar moi bo, consideramos este un prato moi interesante por posuír moi diferentes propiedades; hai que ter en conta que o cuscús está composto principalmente por graos de sémola de trigo, que combinan perfectamente cunha carne lixeira como o polo e con todas as vitaminas das espinacas e os cogomelos. É pois ideal para un bo xantar antes dunha tarde de deporte ou traballo xa que nos vai encher de forza.

Cuscús de polo con espinacas e cogomelos

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 500 gr de cuscús
  • 500 ml de auga
  • 2-3 filetes de peituga de polo
  • 200 gr de espinacas
  • 150 gr de cogomelos 
  • Queixo ao gusto
  • Allo
  • Estragón
  • Alfábega
  • Ourego
  • Sal 
  • Aceite

Elaboración:

Primeiramente, temos que preparar o cuscús. Para iso, quentamos a auga e, cando comece a ferver, retiramos do lume, engadimos o cuscús, tapamos e deixamos repousar 3-4 minutos. 



Mentres, cortamos as peitugas, adobámolas con sal, allo, estragón, alfábega e ourego e fritímolas con dúas culleradas de aceite. Cando estean douradiñas, añadimos os cogomelos, tamén troceados. Cando estean feitos, botamos as espinacas. 




Por último, remexemos o cuscús e engadímolo a este rustrido xunto co queixo. Mesturamos ben e listo para comer!!











Aínda que a similitude visual co arroz é evidente, no sabor distáncianse bastante polo que vos recomendo que probedes o cuscús aos que aínda non o fixestes. Aínda que talvez aquí aínda non se consolidase, este prato ten un longo percorrido histórico xa que parece que era toda unha delicia na coñecida Al-Andalus. Así pois, tedes aquí unha fabulosa idea de vos achegardes á comida árabe utilizando riquísimos produtos de conexión como os cogomelos ou as espinacas. Que vos preste amig@s!


1 comentario:

  1. Seguro que ese cuscus de pollo con las espinacas y las setas estaba de muerte relenta de buena gana daba buena cuenta de un platito,te ha quedado divinisimo .
    Bicos mil y feliz finde wapa.

    ResponderEliminar