sábado, 6 de xuño de 2015

Rocambole de amorodos e nata (brazo de xitano)

Hoxe toca sobremesa tradicional, daquelas que nunca nunca fallan e que se converten en éxito seguro en calquera celebración. A quen non lle gusta un doce coma este? Uns/unhas preferirano de chocolate e outros de amorodos, como o de hoxe, mais adoita cumprir coas expectativas. Nós facémolo con relativa frecuencia xa que na casa encanta. De feito, xa vos presentáramos outra receita, máis orientada aos chocolateiros e chocolateiras: Brazo de xitano de chocolate e nata con améndoas
Nestoutra receita tiñades explicado a teoría da curiosa orixe do nome "brazo de xitano", segundo a que foi un monxe berciano quen trouxo de Exipto este doce, denominándoo brazo "egipciano"  e acabando por evoluír popularmente na forma "xitano" que dá lugar a teorías do máis estrañas...
Na Galiza adoptamos esta forma, aínda que nós desta volta optamos pola denominación "rocambole", procedente do Brasil e que ademais nos parece do máis divertida. Igualmente o podemos chamar "bolo de rolo", tamén como en Brasil, xa que a fin de contas, estamos perante un biscoito enrolado.
Sexa a denominación que for, está boísimo e resulta do máis personalizábel. Nós desta volta preparámolo por un encargo, e claro, xa nos entraron ganas de facer un outro para nós. Xa vos contaremos de que o facemos. Mentres tanto, aquí vos queda este clásico.

Rocambole de amorodos e nata (brazo de xitano)

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 375 gr de azucre moreno
  • 300 gr de fariña
  • 300 gr de manteiga
  • 6 ovos
  • Unha culleriña de lévedo en po
  • Unha culleriña de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 1 l de nata para montar
  • 1 kg de amorodos
  • 250 gr de azucre
  • 100 ml de auga
  • Boliñas de azucre de cores (opcional)
Utensilios: fonte para microndas, papel vexetal, batedor eléctrico ou manual, cazo, espátula, pano, manga pasteleira. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de batir a manteiga (que debe estar a temperatura ambiente) co azucre. 



Seguidamente, engadimos os ovos, un a un, até que se integren totalmente. 


A continuación, botamos a vainilla. 


Despois, peneiramos a fariña xunto co lévedo e ímolos integrando pouco a pouco. 







De seguir, cubrimos a bandexa do forno con papel vexetal e metemos nunha manga pasteleira a crema do biscoito para que sexa máis fácil repártila sobre a bandexa. Temos de intentar facer un cadrado, procurando que teña o mesmo grosor por todas as partes.



Enfornámolo a 170º, calor abaixo co ventilador, durante 10-12 min. ou até que vexamos que está douradiño.



Humedecemos o pano con auga e tapamos o biscoito para que non perda a humidade e sexa máis fácil traballar con el despois. Reservamos até que arrefríe.



Mentres tanto, preparamos o recheo. Para comezarmos, montamos a nata a punto de neve con 100 gr de azucre (recordade que tanto a nata coma o batedor deben estar ben fríos á hora de montala) e reservámola no frigorífico até o momento de a utilizar.



De seguir, preparamos os amorodos. Collemos 750 gr. (reservando os outros 250 para a decoración) e lavámolos ben e cortámolos en anaquiños.


Botámoslles o resto do azucre e a auga, poñémolos ao lume e deixamos que fervan durante 5-7 minutos.







Despois, escoamos os amorodos mais reservamos o líquido. Reservamos até que arrefríen.



E chegou a hora de montar o brazo de xitano! Primeiro, temos de emborrachar o biscoito co líquido dos amorodos. 



Despois, estendemos unha boa capa de nata (temos de reservar unha pouca para a decoración), cubrindo as 3/4 partes do biscoito xa que temos de deixar un borde sen cubrir. 




De seguir, colocamos os amorodos, intentando repartirlos ben sobre a nata. 



E, agora, con moito coidado e axudándonos do papel vexetal, imos enrolando o brazo. Non vos preocupedes se o biscoito rompe un pouco xa non se verá cando o decoremos.


Pasámolo á fonte onde o imos presentar e cubrímolo cunha capa de nata.


Cortamos uns amorodos en lascas e colocámolas sobre a nata. 


Poñémoslle unhas boliñas de azucre, nós escollímolas prateadas, refrixeramos 3-4 horas e xa estaría preparado para comer! 


Verdade que abre o apetito só de o ver? Ademais, desta volta fixémolo ben cargadiño e grande xa que había bastantes comensais aos que satisfacer. De todos modos, estas cantidades non son excesivas aínda sendo só para dúas persoas xa que unha vez se comeza a degustar, resulta complexo frear posto que o biscoito non é para nada seco e a nata e os amorodos fano aínda máis esponxoso. Esta, sen dúbida, está entre as nosas sobremesas preferidas, e aínda non coñecemos a ninguén que non lle guste. Así pois, non tardedes en facérdelo na casa e desfrutárdelo. Unha marabilla! Bo sábado lambisqueir@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmmmmm y tanto que abre el apetito solo de verlo quien pudiera dar cuenta de un caxito por que me has puesto os dientes bien largos que lo sepas.
    Te ha quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar