martes, 2 de xuño de 2015

Roliños saudábeis (WRAP)

Parece que así con este soliño nos erguemos con mellor ánimo pois xa apetece que vaian vindo días calorosos para desfrutarmos da praia, do río ou simplemente dun pouco de verde para tomarmos o sol. Mais tamén nos tarda para irmos introducindo certos produtos máis axeitados para o verán na nosa alimentación. Produtos máis lixeiros e sobre todo frescos acordes a días de altas temperaturas.
A receita que traemos hoxe ten como base a verdura e faise ideal para a cea. Nós elaborámolo pensando en traspasarmos a ensalada a un formato máis divertido, nun rolo elaborado a través destas saborosas tortillas mexicanas, moi sinxelas de elaborar tamén na casa. Aínda que non pensamos neles cando estabamos a cociñar, si nos decatamos posteriormente que este formato está tendo moito éxito nalgúns países desde hai tempo, sendo coñecidos como WRAPs. Hai mil e unha forma de os preparar, e nós pensamos que este, no que destaca o frescor da ensalada, lle quedaba realmente ben. A ver que opinades vós.

Roliños saudábeis (WRAP)

Ingredientes (para 4 roliños):
  • 4 tortillas mexicanas (receita aquí)
  • 8-10 cogomelos
  • 8 lascas de pavo (ou xamón curado)
  • 4 follas de leituga
  • 1-2 tomates
  • 1 cebola
  • 1 dente de allo
  • Queixo ao gusto
  • Aceite de oliva
  • Pementa moída
  • Sal
Utensilios: prancha e tixola. 

Elaboración:

Para comezarmos con esta deliciosa receita, temos de lavar e cortar en lascas os cogomelos e, despois, rustrilos nunha tixola cunha cullerada de aceite e o allo picado. Ademais, engadímoslle sal e pementa para darlle máis sabor, incluso poderíamos incluír un chile. 


A continuación, temos de quentar as tortillas nunha prancha a lume medio-alto. As tortillas poden ser caseiras (receita aquí), ou, se andades con présa, podédelas mercar. Nós, neste caso, andábamos con moito traballo e mercamos unhas de jalapeños para probarmos o seu sabor, e a verdade é que son moi recomendábeis (mercámolas no Carrefour). 



Despois, só temos de montar os nosos roliños. A orde dos produtos podédela cambiar, mais así foi como as fixemos nós. Primeiro, colocamos dúas lascas de pavo e 3 anacos de queixo Arzúa-Ulloa, mais podedes escoller o que máis vos guste.


De seguir, colocamos os cogomelos, unhas lascas de cebola e de tomate e, por último, a leituga. 








Enrolamos a tortilla sobre os ingredientes e, se queredes, podemos quentar un pouco o roliño na prancha ou no microndas e xa estarían preparados para comer! 


Outra opción que vos damos é colocar primeiro a ensalada (leituga, tomate e cebola), os cogomelos e unhas lascas de xamón curado. 


Das dúas formas están moi saborosas! Porén, se xa facíades roliños deste tipo, contádenos que ingredientes vos gusta pórlles! 


Non sei a vós, mais a nós apetécennos máis este tipo de produtos saudábeis nas xornadas estivais, e esta resulta unha das ideas máis cómodas e sinxelas. Así pois, estes roliños convértense nun recurso de máxima utilidade para levar á praia, unha alternativa ao bocadillo de sempre, e que vos satisfará tanto para o xantar como para unha merenda á beira do mar. Ou para telos na casa ao regresardes :-)
Sexa como for, nós ficamos encantados co resultado e de seguro que os comeremos con frecuencia neste verán, xa for con pavo ou con xamón. O que si nos encanta é a combinación entre os vexetais e ese pequeno toque de carne.
Oxalá vos pareza interesante esta idea e sobre todo, oxalá a desfrutedes algún día destes. Xa mandaredes a proba ;-) Unha fortísima aperta amig@s!!

9 comentarios:

  1. Divinas no lo siguiente ademas tienen que estar de muerte relenta me encantan, tomo nota asi nunca las he rellenado .
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Paréceme perfecto que seguro que che encantan! Xa nos contarás ;)
      Bicos!

      Eliminar
  2. Ola, Diii!

    Xa tiña ganas de votarlle unha ollada ó teu blogue porque de seguro que me perdín moitas receitas deliciosas. O bó de todo isto, é que perduran e sempre que queiramos podemos votarlles unha ollada. E iso é precisamente o que eu teño que facer, rebobinar e mirar detidamente todo o que publicaches no último mes...Miña nai! Certamente estou moi desconectada pero acabo de ler a mensaxe que me deixaches no meu blogue e teño un sorriso debuxado na face... Grazas mil polo teu ánimo, Diana! Agradézocho moitísimo!

    Estos rolos parécenme unha receita axeitadísima sobor de todo para os vindeiros días que según as predicións, van ser moi calorosos, así que tomo nota porque de seguro que en casa terán moito éxito.

    Unha aperta xigante, Diana! E oxalá sexa ata pronto!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non se merecen, eu só espero que volvas ao blogue pronto con ánimo e ilusión, xa que se botan de menos as túas receitas!
      Moitísimas grazas a ti polas túas palabras e por comentar! Alégrame moito que che gusten as receitas!
      Un bico enorme guapa!!

      Eliminar
  3. Wraps de espinafres sem farinha
    http://www.labioguia.com/notas/wraps-de-espinaca-sin-harina

    ResponderEliminar