martes, 21 de abril de 2015

Mousse de xelatina de amorodos

Pola Coruña dá o sol con todo o ánimo proporcionado pola primavera, apetecéndonos pois algo fresquiño e lixeiro. Alén das ensaladas sempre cumpridoras, podemos aproveitar para elaborar unha sobremesa adecuada para xornadas como a de hoxe. E nesta categoría a mousse é unha das receitas máis exitosas. Esa textura faina tan especial...
Xa temos preparado mousse algunha que outra vez, porén desta volta queriamos innovar un pouco, que saíse algo diferente e vismos esta orixinal receita na páxina We lover size. Así pois incorporamos a xelatina, o que fai a textura aínda máis especial e ben curiosa, con anacos xelatinosos polo medio. E claro, o sabor, nós tiñámolo claro. Para este tipo de dozuras suaves, case sempre nos quedamos cos amorodos :-)
E se procurades sobremesas baixas en calorías... esta é ideal, e aínda así moi moi doce. Imos con ela:

Mousse de xelatina de amorodos

Ingredientes: 
  • 500 ml de auga
  • 1 sobre de xelatina ao gusto
  • 300 gr de amorodos
  • 1 iogur natural desnatado
  • Para decorar: amorodos, boliñas de azucre ou chocolate etc.


Utensilios: batedor eléctrico, vaso batedor, moldes para servir. 


Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer a xelatina segundo nos indique o paquete e deixala arrefríar durante 2-3 horas.. A xelatina pode ser do voso sabor preferido (amorodos, framboesa, laranxa etc.).


Pasado ese tempo, temos de lavar os amorodos e cortalos en anacos. Colocámolos no vaso do batedor e triturámolas xunto co iogur.













Despois, batemos un pouco a xelatina co batedor eléctrico.



Engadímoslle os amorodos triturados co iogur e seguimos batendo até que se integren.






Botamos a mestura nos moldes escollidos e decoramos ao noso gusto. Nós utilizamos uns amorodos e unhas boliñas de azucre. 



Refrixeramos durante 2-3 horas para que collan consistencia e xa estarían preparados para comer!


Como presta esta mousse! De feito, ímonos pór agora mesmo a preparar outra. Así xa a temos lista para a noite! E recomendaríavos facer o mesmo se vos apetece unha sobremesa moi saborosa, lixeira e fresca. E se tedes peques na casa... perfecto porque sempre lles encanta comer produtos así tan divertidos.
Unha forte aperta amig@s. Agardamos que desfrutedes desta receita e dun día moi feliz :-)

2 comentarios:

  1. Ummmmmmmmmmmmm con lo ricas que estan ahora las fresas nunca he echo una mousse asi ,tomo nota a ver si la puedo hacer antes de que se termine la temporada de fresas se ve deliciosa .
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É unha receita moi rápida e sinxela así que seguro que sacas 10 minutos para a facer!
      Unha aperta!

      Eliminar