sábado, 18 de abril de 2015

Torta de trufa

Aínda coa emoción da entrada do pasado xoves en que contamos con Miro Villar, xa regresamos cunha outra receita, dirixida como non, aos máis lambóns e lambonas e só apta para chocolateir@s.
Esta torta xa a fixeramos hai un par de meses para o aniversario dunha amiga moi especial, mais esquecímonos da maior parte das fotografías, quedando pendente unha nova elaboración para a presentarmos aquí, para tod@s vós. E que xa sabedes, encántanos cociñar e degustar os nosos pratos mais sobre todo pór á vosa disposición todas aquelas receitas que imos traballando para que leades, probedes e nos comentedes.
Pois ben, finalmente nesta última fin de semana encargáronnos unha torta moi moi doce para un aniversario e veunos esta á cabeza inmediatamente. Polo que parece os e as comensais quedaron tan satisfeit@s como cando nós a degustamos así que perfecto! 

Torta de trufa

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 300 gr de chocolate con leite
  • 225 gr de manteiga
  • 180 gr de azucre
  • 100 gr de fariña
  • 1/ 2 sobre de lévedo en po
  • 6 ovos
Para a trufa:
  • 750 ml de nata (35% materia graxa)
  • 300 gr de chocolate negro
  • 9 culleradas de crema de cacao
Para a decoración: fídeos de chocolate, boliñas de cores, figuas de azucre etc. 

Utensilios: molde desmoldábel, batedor eléctrico/manual, cuncas, culleres, manga pasteleira, bico, 

Elaboración:

Primeiramente, temos de facer o biscoito. Para iso, empezamos derretendo o chocolate no microndas ou ao baño maría. 


Mentres tanto, batimos o azucre coa manteiga, que ten que estar a temperatura ambiente, até obter unha crema homoxénea e brandiña. Podémolo facer co batedor manual ou co eléctrico. 





Engadimos o chocolate e mesturamos ben. 



Separamos as claras das xemas, reservamos as claras, e botamos as xemas. Mesturamos de novo.


Agregamos a fariña e o lévedo peneirandos e mesturamos. 


Aparte, montamos as claras a punto de neve. 


Engadimos as claras, pouco a pouco, á mestura anterior. 



Botamos a crema no molde, que previamente debe estar engrasado con manteiga e fariña, e enfornamos a 165º-º170º (debe estar prequente), calor abaixo e ventilador, durante 50 minutos. Reservamos até que arrefríe completamente. 


Mentres arrefría o biscoito, facemos a trufa. Derretemos o chocolate, xunto coa crema de cacao, ao baño maría e deixamos que arrefríe. 



Montamos a nata a punto de neve, lembrede que debe estar moi fría. 




Cando arrefríe o chocolate, ímoslle engadindo a nata pouco a pouco até conseguir unha crema homoxénea. 

E chegou a hora de montar a nosa torta!! Para iso, abrimos o biscoito á metade e reenchemos con parte da crema. Tapamos coa outra metade. Como vedes, ao tapalo, o biscoito rompeunos un pouco mais non hai problema porque non se vai ver. 


A outra parte da trufa botámola nunha manga pasteleira e imos decorando a torta ao noso gusto. 


Nós botamos polos lados os fídeos de chocolate e por arriba boliñas e figuras de azucre por arriba. Refrixeramos durante 3-4 horas e xa estaría lista para comer!!


Dicímosvolo moitas veces, mais convén insistir para que non vexades a cociña e a repostaría en concreto como algo dificultoso. Require paciencia e orde mais calquera persoa pode lograr grandísimas sobremesas, canto menos de sabor. Despois si que é verdade que canto máis dotes para o deseño e a decoración, mellor pode ficar a torta. Así que... por que non vos animades con esta torta de trufa. Se non queredes arriscar, probade a facela un día calquera para ver como sae. Mal non vai pasar, porque ha de quedar deliciosa, e máis tarde, xa a poderedes preparar sen preocupación ningunha para sorprenderdes aos vos@s convidad@s.
Agardemos que vos guste e que mandedes algunha foto co voso resultado. Unha forte aperta lambonciñ@s!

4 comentarios:

  1. Seguro que a tu amiga le encanto esta tarta tenia que estar de rexupete con lo lambereteira que soy no te dejaria ni las migas ademas de no dejar de hacerte la ola, babeando me tienes que lo sepas con las fotos.
    Te ha quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. hahahaha! Moitísimas grazas polos teus sempre amables comentarios!
      Un bico enorme

      Eliminar
  2. Ola! Fixen esta tarta fai uns días. Foi todo un éxito! Estaba moi boa, e iso que pensei que ia ser moi empalagosa pero non :-) A cousa e que me din de conta de que nos ingredientes falta a cantidade de azucre para o biscoito. Eu boteille a ollo uns 125gr e saíu ben, pero igual non era mala idea que puxerades o dato orixinal. Saúdos e noraboa polo blogue!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alégranos moito escoitar iso e ver como preparades as receitas!! Se che apetece, pódesnos mandar unha foto co resultado a bolboretasnobandullo@gmail.com.
      Por outra banda, grazas por dicirnos o do azucre, para estas cantidades serían, aproximadamente, uns 180gr, mais tamén depende do doce que queiras o biscoito.
      Moitas grazas polas túas palabras.

      Eliminar