martes, 23 de abril de 2019

Petiscos de coliflor

Boas, bolboreteir@s! Como estades? Con fame? Por aquí xa solventamos o apetito grazas a esta nova receita. E de onde sacamos a idea? Pois da viaxe que fixemos esta última semana por Tenerife. Descubrimos unha chea de propostas gastronómicas e recrearemos algunhas delas pois cremos que vos poden resultar interesantes.
A primeira destas ideas que aquí traemos ten unha verdura como protagonista, ofrecendo unha opción para a comer ben diferente. Ademais, gustamos moito deste tipo de ideas para @s peques, que en ocasións son reacios a papar certos alimentos de maneira directa e que acaban namorando deses mesmos produtos unha vez se lles dá unha volta.
A nós canto menos, estes petiscos xa nos conquistaron!




Petiscos de coliflor


Ingredientes:


  • 1 coliflor
  • 3 ovos
  • Fariña
  • Curry
  • Allo en po
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva


Utensilios: varias cuncas, un microondas, unha tixola, unha culler, un garfo, papel absorbente e un escoadoiro.


Elaboración:

Para comezarmos,  temos de separar os ramos da coliflor, lavalos e poñelos nunha cunca. Tapamos con papel transparente e metemos no microondas 11-12 minutos, depende do tamaño da coliflor. Pasado ese tempo, deixamos que arrefríe un pouco. 


Mentres tanto, mesturamos a fariña coas especias (curry, allo en po, pementa moída e sal). De seguir, pasamos a coliflor nela. 





A continuación, batemos os ovos e rebozamos a coliflor enfariñada. 


Fritimos nunha tixola con abundante aceite e despois poñémolas sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. 



E xa estarían listos para comer! 


Podémolos servir acompañados dunhas gotas de limón, algunha salsa que vos guste, unha marmelada de tomate ou pemento... iso deixámolo ao voso gusto!


Agardemos que vos praza este prato e que o poñades en práctica máis cedo que tarde. Apertas lambonas! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario