sábado, 13 de abril de 2019

Quiche de touciño entrefebrado con verduras

Bo día, bolboreteir@s! Que? Gustastes da sorpresa do último día, verdade! Estamos superfelices, a verdade.
Ben, antes de collermos unhas vacacións nesta semana próxima, queremos deixarvos cunha receita para relamber os dedos. Nós a verdade é que nunca viaxamos a Francia e aínda así adoramos a gastronomía francesa, é máis, este é un dos motivos polo que nos apetece coñecela!
E as quiches son unha verdadeira perdición por diferentes motivos. Un pastel salgado sempre ofrece algo diferente. Ademais, este é moi sinxelo de facer xa que optamos polo follado como base e iso leva consigo rapidez.
Os ingredientes van a gusto do consumidor mais é moi probábel que gocedes destes! A ver que vos parece!




Quiche de touciño entrefebrado con verduras



Ingredientes:


  • 1 lámina de follado
  • Queixo mozzarella
  • 120 g de touciño entrefebrado (bacon)
  • 1 cebola grande
  • 1/2 pemento
  • 4-5 champiñóns
  • 2 dentes de allo
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 2 ovos
  • Alfábega
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: un molde apto para o forno, dúas tixolas, unha cunxa, papel vexetal, fabas ou garabanzos para facer peso, un batedor manual, unha culler e un garfo.



Elaboración:


Para comezarmos, temos de preparar a nosa masa. Podemos usar masa de follado ou facela nós mesmos (receita aquí ou aquí). Colocámola nun molde apto para o forno, cuberto con papel vexetal, picamos cun garfo e, sobre ela, botamos fabas (ou garavanzos) para que a masa non suba. Enfornamos co forno prequente a 200º, calor arriba e abaixo, durante 7 minutos, até que se cociñe un pouco a masa. Retiramos as fabas e reservamos. 




Mentres tanto facemos o recheo. Rustrimos en dúas culleradas de aceite os dentes de allo e as cebolas, cortadas finamente. 


Cando abranden un pouco, engadimos o pemento e os cogomelos,  tamén cortados en xuliana. Cociñamos 5 minutos máis. Sazonamos coa alfábega, o pirixel, a pementa moída e o sal. Reservamos. 


Nunha tixola á parte, rustrimos o touciño, cortado en tiras, até que se torre. Reservamos. 


Batemos os ovos xunto coa nata. Sazonamos con pementa moída e un chisco de sal. 


Botamos sobre a crema as verduras e o touciño. Tamén queixo ao gusto. 





Agregamos esta mestura á masa e cubrimos cun chisco máis de queixo relado. 


Enfornamos a 170º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, durante 20-25 minutos, até que o ovo calle.


E xa estaría lista a nosa quiche para comer! Agardamos que vos guste ;)! A pesar de que os follados adoitan ser máis lixeiros que outras masas, é certo que este quiche alimenta máis do que poda parecer xa que leva substancia, especialmente cremosa. Canto nos prestou. Xa nos diredes o que opinades, bolboreteir@s! Aperta forte!

Ningún comentario:

Publicar un comentario