sábado, 27 de abril de 2019

Crema de cacao saudábel

Bo día, bolboreteir@s! Imos adozar moito esta fin de semana coa nova receita. Hai moito tempo que tiñamos sentenciada esta creación e estes días deunos (por sorte) por executala finalmente.
Por que esta obsesión nosa? Porque a crema de cacao, representada en dúas marcas míticas como a Nutella e a Nocilla forman parte da vida de case tod@s @s lambóns, ou canto menos de todos os chocolateir@s! Non foron poucas as homenaxes infantís coa crema de cacao como protagonista!
Mais claro, entanto nos imos facendo maiores xa hai máis preocupacións polas calorías, hábitos saudábeis e demais polo que pensamos en preparar unha versión saudábel para esta larpeirada irresistíbel. Asustábanos un pouco o resultado, porque cando a mente ten marcada un sabor moi concreto como o logrado por algunhas marcas, ás veces pérdese nas execucións caseiras. Mais... non, todo o contrario. Tremenda sorpresa con esta idea que collemos da páxina de Derechupete. Que xenialidade! Aquí a tedes!




Crema de cacao saudábel




Ingredientes:


  • 200 g de abelás
  • 200 ml de leite de améndoas
  • 150 g de dátiles
  • 1 cullerada de cacao puro
  • Un chisco de sal



Utensilios: un batedor eléctrico e unha espátula. 


Elaboración:


Para comezarmos, debemos triturar as abelás. Notaredes que canto máis batades, as abelás convertiranse nunha crema, é o normal.  



Cando as abelás estean listas, engadimos os dátiles e seguimos batendo. 


A continuación, engadimos o leite, o cacao e o chisco de sal e trituramos moi ben.


Para que colla unha pouca máis de consistencia, podédela gardar un ratiño no frigorífico. 


E xa estaría lista para comer!


Agardamos que vos guste e que poñades esta deliciosa, e saudábel, receita en práctica. 


O poder das abelás conquista o noso padal e ao se combinar co cacao é imposíbel non encontrar esas similitudes tan evidente co produto orixinal do que partimos. Ai, estamos desexando que a probedes!
Aperta forte!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario