Bo día, bolboreteir@s! Por Viveiro estamos con moito rock e metal co Resurrection Fest aínda que nós só temos ollos para as opos de momento. Así que o que realmente nos fai resucitar son pratos como o que hoxe presentamos, con propiedades múltiplas e unha chea de sabor.
Xa sabemos que sodes moitos os amigos e amigas do falafel, mais talvez non experimentastes nunca con variantes do mesmo. Segue a ser un prato vegano, claro, mais cambiando practicamente boa parte dos ingredientes e dando o protagonismo dos garavanzos a outro legume: as lentellas, tan adoradas por moitos de nós.
Ides ver ademais que non ten apenas complicación sexades mellores ou peores cociñeir@s.
Xa sabedes, se queredes sorprender, velaquí tedes un prato ben gustoso!
Falafel de lentellas e quinoa
Ingredientes:
- 400 g de lentellas cocidas
- 150 g de cenoria relada
- 100 g de copos de quinoa
- 1 cebola relada
- Coantro ao gusto
- Pementa moída
- Sal
- Aceite de oliva
- Tortillas de trigo/millo (opcional)
Para a salsa de iogur:
- 1 iogur natural
- O zume dunha lima
- Pementa moída
- Sal
Utensilios: unha cunca, un relador, papel transparente, unha tixola e un prato con papel absorbente.
Elaboración:
Para comezarmos, mesturamos as lentellas coa cenoria.
Engadimos a cebola, tamén relada.
Agregamos os copos de quinoa, o coantro e salpementamos ao gusto.
Mesturamos moi ben.
Tapamos con papel trasparente e refrixeramos unha hora, como mínimo.
Mentres tanto, facemos a salsa iogur. Para iso, mesturamos o iogur co zume da lima, a pementa moída e o sal. Refrixeramos.
Pasada esa hora, facemos boliñas coa masa das lentellas e a quinoa.
E fritímolas nunha tixola cun pouco de aceite.
Cando estean fritas, colocámolas sobre papel absorbente.
E servímolas acompañadas de tortillas de trigo (ou millo) e a salsa de iogur.
Agardamos que vos guste e que poñades esta deliciosa receita en práctica, xa que é moi saudábel e sinxela.
Esta receita que adaptamos de My Little Things trouxo moitísimo sabor.
Mollamos, se quixermos, en salsa iogur e acompañamos deste pan en tortillas para facer un prato ben completo e apetecíbel para o que non fai falta apenas máis que desfrutar. Ímonos lendo, amig@s! Boa fin de semana!
Ningún comentario:
Publicar un comentario