sábado, 21 de xullo de 2018

Rolos de xamón

Bo día, bolboreteir@s! E si, por aquí é moi moi bo día. Como comprobastes, ficounos algo menos de tempo ultimamente para o blogue, de aí que levemos un tempo con receitas máis sinxelas e rápidas. Mais todo tiña unha boa xustificación. Andabamos en recta final de opos e finalmente completamos o pack de funcionarios da casa. Beeeeeeennn!!! Agora estamos para celebrar. Aínda que ben, non chegaron completamente as vacacións pois andamos tamén rematando o proxecto que temos entre mans para Bolboretas no bandullo e vos conquistará. Non dicimos moito máis.
Ben, pois hoxe, seguindo a liña das últimas semanas, traemos un petisco moi simple mais moi moi efectivo, principalmente porque tiramos de dous produtos que funcionan á marabilla: follado e xamón. Son dous básicos ben diferentes que nunca faltan na nosa cociña. Imos alá pois co entrante ideal para os vosos menús.


Rolos de xamón



Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • Lascas de xamón
  • Lascas de queixo (opcional)
  • 1 ovo batido
  • Ourego






Utensilios: un coitelo, papel vexetal e unha bandexa para o forno. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos que cortar en tiras a lámina de follado. 


Pintamos o follado co ovo batido. 


Empoamos co ourego. 


Colocamos as lascas de xamón sobre o follado. 


Opcionalmente, colocamos algunha lasca de queixo sobre o xamón. 


Enrolamos sobre si mesmos o follado co xamón. 




Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 13-14 minutos, ou até que o follado estea dourado. Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer! 


 Agardamos que vos gusten e que as poñades en práctica ☺️.


Apetecíbeis, verdade?? Non sabedes canto nos prestaron. Tanto a elaboración, por non termos apuros na realización como a degustación, por dar paso a un bo menú de celebración. Velaquí fican estes roliños tan saborosos! Forte aperta, amig@s e... moi feliz fin de semana!

Ningún comentario:

Publicar un comentario