Bo día, bolboreteir@s!! Feliz ano! Agardamos que a entrada de 2019 estea a ter o mellor sabor de boca posíbel para vós. E senón, aquí imos tentar facer unha achega para saborearmos este sábado véspera de Reis.
Onte estabamos a comer coa tv posta, e casualmente era o programa de cociña dos irmáns Torres, emitido na TVE. Non o adoitamos seguir moito mais chamounos a atención a receita que estaban a crear e pensamos que podía ser acertada para estes días, antes de deixarmos atrás definitivamente o Nadal. Inspirámonos principalmente no formato, unha pizza con foma de árbore que queda moi fermosa e apetecíbel para estes últimos menús festivos.
Ficaba por pensar no recheo e no sabor, mais xa imaxinabamos que resultaría sinxelo. Optar por un clásico e dedicámonos a desfrutar dunha versión ben curiosa dun clásico italiano. Che saporito!
Pizzárbore natalicia
Ingredientes:
- Masa de pizza
- 300 g de carne picada
- 2-3 pementos asados
- 1 cebola
- 1 cenoria
- 2 dentes de allo
- Ourego
- Pementa moída
- Sal
- Queixo ao gusto
- 1 ovo
Salsa para acompañar:
Utensilios: dúas tixolas, táboa e coitelo, unha culler, papel vexetal e unha fonte apta para o forno.
Elaboración:
Primeiramente, debemos facer a nosa masa para a pizza. Nós fixémola con mestura de fariña de trigo e fariña integral. Reservamos.
Mentres a masa leveda, facemos o recheo. Rustrimos os dentes de allo e a cebola ben picadiños.
Engadimos a cenora, tamén ben picadiña.
Cando estean ben brandiñas a verduras, engadimos a carne picada. Salpementamos ao noso gusto.
Cando a carne cambie de cor, engadimos os pementos e mesturamos moi ben.
Por último, retiramos do lume, botamos o queixo, ao noso gusto, e integrámolo ao resto dos ingredientes.
De seguir, imos collendo porcións de masa, estirámola nas mans e reenchemos cun pouco da mestura anterior. Pechámola coa axuda das mans e dámoslle forma de bóla.
Imos facendo boliña e colocámolas en forma de árbore, como se fose unha pirámide.
Batemos o ovo e pintamos a nosa árbore, empoamos con ourego. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 15-20 minutos.
Mentres tanto, nunha tixola, botamos unha cullerada de aceite, a salsa de tomate, o allo, a pementa moída, o ourego e, se queredes, un chile. Mesturamos moi ben até que se integren todos os ingredientes.
Servimos a pizza acompañada da salsa! E xa estaría lista para comer!
Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica.
Ollade, maxinade e... mmmmm... Irresistíbel. Levounos un chisco máis de tempo que unha pizza normal polo tema de configurar as bólas mais mereceu moito a pena ollando este resultado. Iso si, durou unha cea para dous e nada máis. Para a próxima faremos unha megapizzárbore!
Agardamos que gustedes e que teñades moitos agasallos e moito sabor nestes días. Forte aperta!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario