sábado, 12 de xaneiro de 2019

Croquetas de cabaza e queixo

Bo día, bolboreteir@s! Como vai todo? Xa nos metemos de cheo na rutina de novo e no inverno, que levamos unhas xornadas de bastante friaxe, non é? Boa escusa, como sempre, para nos meter mans á masa e argallar novas creacións na cociña.
Desta volta tiñamos claro o formato. Había tempo que non comiamos croquetas así que era o momento de nos dar un capricho. E que é o mellor das croquetas ademais do seu sabor? Pois a adaptabilidade a calquera produto. Xa sabedes, hai croquetas de calquera alimento. Desta forma, achegámonos á froitaría e en apenas unha ollada xa decidimos con que habiamos de dar alegría ao noso menú: queixo e cabaza. Imaxinades o resultado, non é?



Croquetas de cabaza e queixo


Ingredientes:

  • 700 g de cabaza
  • 150 g de queixo
  • 1 ovo
  • Sésamo
  • Ourego
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva
  • 80-100 g de pan relado
Para o rebozado:
  • Fariña
  • 2 ovos batidos
  • Pan relado

Utensilios: papel vexetal e unha bandexa apta para o forno, varias cuncas/pratos, un batedor eléctrico, unha tixola e un escumadoiro.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de preparar a cabaza. Para iso, cortámola en anacos grandes, limpámola ben, e adobámola cun chisco de aceite e pementa moída. Asamos no forno a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. 


Pasado ese tempo, deixamos que se atempere un pouco, quitámoslle a pel e triturámola coa axuda do batedor eléctrico. 


A continuación, engadímoslle o queixo, cortado en anacos, nós usamos San Simón, o pirixel, o ourego e sal e pementa ao gusto. Tamén, agregamos o ovo e 40-50 g de pan relado. Mesturamos moi ben. Agora, temos que ir xogando co pan relado até o que nos pida a masa. Temos que intentar facer boliñas, brandiñas, mais que aguanten ben. 






Cando teñamos a masa lista, engadimos o sésamo e integrámolo de novo. 




De seguir, imos facendo boliñas, coas mans, e pasámolas por fariña, os ovos e o pan relado. 




Rustrímolas nun tixola con abundante aceite quentiño. Poñémolas sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. 


E xa estarían listas para comer!


Agardamos que vos gusten e que poñades esta receita en práctica, xa que vos sorprenderá o seu sabor :)


Unha perdición. Unha tras outra. Outra tras unha. Como pébedas de xirasol, haha. Xa sabedes que non hai mellor forma de namorar a ninguén que a través dunhas croquetas da casa. Cada unhas teñen un toque moi persoal e distintivo. Velaquí as nosas. Que as gocedes inmensamente. Aperta forte!!

2 comentarios: