martes, 15 de xaneiro de 2019

Polo ao estilo hindú

Bo día, bolboreteir@s! Continúan as receitas. Imos hoxe cun prato de moito moito sabor procedente da cociña hindú. Xa sabedes o que nos gusta viaxar a través da gastronomía, de feito, disto mesmo falabamos o outro día no programa de Onda Cero "Galicia Viajera", no que contabamos como non hai mellor forma de descubrir culturas a través da identidade culinaria.
Pois ben, a da India é intensa, sen dúbida. Se gustades das especias e procurades unha receita para darlle sabor ao polo, esta é a vosa. Velaquí fica: 




Polo ao estilo hindú



Ingredientes:

  • 1 peituga enteira
  • 1 berenxena
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 vaso de auga
  • Coantro
Para o adobo:
  • 2 culleriñas de cúrcuma
  • 1/2 culleriña de comiño
  • 1/2 culleriña de xenxibre
  • 1/4 culleriña de canela
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • O zume dun limón
  • 2 culleradas de aceite

Utensilios: unha tixola, unha táboa e un coitelo, papel transparente e unha culler de pau.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de adobar a peituga cortada en anacos co zume do limón.


Mesturamos a cúrcuma, o comiño, o xenxibre, a canela, o chile, a pementa moída, o sal e o aceite e engadímosllo á peituga. 










Reservamos no frigorífico 2-3 horas, mellor unha noite enteira. 


Pasado ese tempo, rustrimos o polo nunha tixola.


Cando comece a coller cor, engadimos a cebola e o dente de allo ben picados. Cociñamos 5-7 minutos.


Agregamos a berenxena, tamén cortada en anaquiños, e cociñamos 5 minutos máis.


Engadimos a auga e o coantro, baixamos o lume, e deixamos até que se evapore o líquido, aproximadamente 20 minutos. 


Servimos acompañado de arroz branco e xa estaría listo para comer!


Agardamos que vos guste, que a poñades en práctica e que a desfrutedes tanto coma nós pois adoramos recrear o polo con receitas tan apetecíbeis coma esta. Fortísima aperta, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario