sábado, 29 de decembro de 2018

Bombóns estilo Ferrero

Bo día, bolboreteir@s! Está rematando o ano e imos concluír con moi moi bo sabor de boca, cunha das especialidades da casa, as larpeiradas chocolateiras.
Desta volta, aproveitamos a encarga que nos fixo Miriam Viveiro, unha delicia para @s peques cos que está a traballar a cerámica nestas vacacións de Nadal.
E pensando nunha delicia, ollamos para o que tiñamos na casa e boom! Por que non tentar facer os típicos Ferrero Rocher que conquistan a todo o mundo. Parecía unha misión complexa e arriscada mais, na realidade, todo o contrario. É un proceso ademais moi divertido se queredes probar a facer coas crianzas da casa, pois hai que traballar especialmente con chocolate, o que lles adoita encantar.
Agora si, unha vez probado o resultado, tememos que baixen bruscamente as vendas dos produtos Ferrero pois estes bombóns caseiros serven para lle facer fronte con todo descaro. Palabra de bolboreteir@s! E ademais, sempre está o encanto do caseiro, do traballado coas nosas propias mans. Ai, que receita! Velaquí a tedes!



Bombóns estilo Ferrero



Ingredientes:

  • 250 g de crema de cacao 
  • 250 g de chocolate con leite
  • 200 g de abelás
  • 20 obleas de xeado
  • 2 culleradas de aceite de xirasol





Utensilios: varias cuncas, dúas tres culleres, papel vexetal. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de triturar as obleas. Reservamos.


Botamos a crema de cacao e mesturámola coa metade das obleas. Mesturamos moi ben. 


Coa axuda dunha culleriña, collemos unha porción de masa e poñemos unha abelá no centro. Collemos outra culleriña e dámoslle forma de boliña, intentando que a abelá quede dentro. Refrixeramos 30 minutos. 



Mentres tanto, trituramos o resto das abelás. 

Derretemos o chocolate no microondas ou ao baño maría e engadímoslle o aceite para que sexa máis líquido. 


Agregámoslle as abelás picadas. Reservamos. 


Sacamos as boliñas do frigorífico, pasámolas polo resto das obleas e dámoslle forma de boliñas. 




E pasámolas tamén polo chocolate coas abelás. 



Colocámolas nunha fonte cuberta con papel vexetal e refrixeramos 2-3 horas. 


 Sacamos co frigorífico e deixamos que se atemperen un cachiño e xa estarían listos para comer!


Agardamos que vos gusten e que as poñades en prácticas estas festas.


Non quedarán tan perfectos na forma como os mercados mais son bonitiños igualmente e canto ao sabor... ai, que sorpresa ides levar. Non sei se resistiredes esta tentación mais se vos poñedes a crear, mantédenos ao tanto do resultado deste petisco doce.
Ah, por certo, recordade que hoxe é o último día para participardes no SORTEO dun exemplar de "Cociñando con Bolboretas no bandullo". Tedes a opción de facelo a través de Facebook, Twitter ou Instagram. A ver se vos van tocar os tres, haha!
Se entrades na nosa conta destas redes sociais, xa encontrades os pasos para poderdes lograr o libro. Mañá anunciamos a persoa gañadora e despedimos o ano. Moita sorte e fortísima aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario