sábado, 22 de decembro de 2018

Roast beef con salsa gravy

Boa tarde, bolboreteir@s! Xa fica menos para o Nadal. Iuhuuuu. Xa anda o Apalpador cos sacos de castañas preparad@s e nós maxinando os nosos menús para estes días tan lambóns. Hoxe, de novo, tiramos da aprendizaxe adquirida nestes días na Gran Bretaña, onde coidan especialmente os menús natalicios e botamos man dun clásico, o roast beef. Aquí a clave está en contar cunha boa materia prima e despois procurar o punto de cociñado, a gusto do consumidor. Ides ver que nós optamos por pasar un pouco a carne.
Traemos pois un bocadiño inglés para este Nadal. Preparad@s? Imos alá!



Roast beef con salsa gravy



Ingredientes:


Para o roast beef:
  • 1 peza de solombo
  • 5 culleradas de aceite
  • 1 culleriña de allo en po
  • 1 culleriña de pirixel
  • 1 culleriña de ourego
  • 1 culleriña de romeu
  • 1/2 culleriña de pemento picante
  • Pementa moída
  • Sal
Para a salsa gravy:
  • 500 ml de caldo de carne
  • 2 culleradas de fariña
  • Prebe do roast beef
  • Pementa moída
  • Sal

Utensilios: unha pota, unha bandexa apta para o forno, unha culler e un batedor manual. 



Elaboración:


Para comezarmos, temos que facer o adobo da carne. Mesturamos o allo, o pirixel, o ourego, o romeu, o pemento picante, a pementa moída e o sal. Engadimos 3 culleradas de aceite e mesturamos moi ben. 






Sazonamos ben a carne e deixámola repousar, como mínimo 1 hora. 


Pasado ese tempo, douramos a carne en 2 culleradas de aceite.


Colocámola nun mode apto para o forno e enfornamos a 170º, forno prequente, calor arriba e abaixo durante 25-30 minutos, dependendo da carne e o punto que máis nos guste. 


Cando estea ao noso gusto, cortamos a carne o máis fino posíbel.


Na mesma pota que douramos a carne, imos facer a salsa gravy aproveitando o aceite e o prebe da carne, engadimos a fariña e torrámola ben, durante 2-3 minutos. 




Botamos o caldo, pouco a pouco, mentres imos remexendo co batedor manual. Agregamos o sal e a pementa ao noso gusto. 





O obxectivo é unha salsa un pouco espesa. 


Esta carne recoméndase comer morna ou fría acompañada da salsa quentiña. Mais iso deixámolo ao voso gusto 😋. 



 Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. De seguro vos sorprenderedes do sabor, polo grosor e textura da carne, que combinada cun mollo ben cremoso fai deste un prato irresistíbel. A por el, bolboreteir@s! Forte aperta!


Ningún comentario:

Publicar un comentario