xoves, 3 de abril de 2025

Ñoquis con pesto de espinacas e améndoas

 Bo día de xoves! Que tal, bolboreteirxs? Aquí estamos cunha nova receita deliciosa para compartirvos. Desta volta, fixemos unha salsa pesto para acompañarmos uns ñoquis. Xa vos dixemos hai uns días que nos encantan estas boliñas de pataca e, como vedes, son moi versátiles xa que quedan ben case con calquera salsa ou prato (Ñoquis caseiros en salsa de tomate e queixo ou Ñoquis crocantes). 

Desta volta, decidimos facer unha salsa pesto cunhas espinacas que xa era hora de consumir e unhas améndoas torradas que tamén tiñamos na despensa e quedou espectacular. Nós adoramos este tipo de receitas de aproveitamento, abrimos o frigorífico e a despensa e creamos un novo prato cos ingredientes que xa temos e que é hora de preparar, antes de facermos unha nova compra, así que esoeramos que a vós tamén vos guste. 

Ñoquis con pesto de espinacas e améndoas


Ingredientes:


  • Ñoquis 
  • 250 g de espinacas
  • 50-60 g de améndoas
  • 50-60 g de parmesano (ou outro que vos guste)     
  • 2 dentes de allo
  • Pementa moída
  • AOVE



Utensilios: unha tixola, unha picadora e unha culler de mesturar.

Elaboración:


Para comezarmos, temos de preparar os nosos ñoquis, poden ser caseiros ou mercados. Nós cocémolos 3 min en auga fervendo. Reservamos.


Mentres tanto, preparamos a nosa salsa. Para iso, botamos as espinacas, as améndoas, os dentes de allo, o queixo, a pementa moída e un par de culleradas de AOVE e trituramos moi ben.













Teremos que engadir AOVE, segundo o noso gusto, para conseguirmos a textura que prefiramos para a salsa. Nós usariamos, aproximadamente, 6-7 culleradas.


Mesturamos a salsa cos ñoquis.


E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos guste e que a poñades en prácticas.


Como vedes, temos unha receita de aproveitamento moi saborosa e moi vistosa (xa sabemos que tamén é unha parte importante en moitas ocasións 😜). Normalmente, nós facemos unha compra semanal, aínda que a mediados de semana sempre temos que volver por froita e verdura, e intentamos ter sempre uns produtos básicos na casa. Se vos apetece, preparámosvos unha entrada cos nosos básicos de despensa. Contádenos nos comentarios.
Aperta forte! 
Lémonos, bolboreteirxs!

Ningún comentario:

Publicar un comentario