xoves, 13 de febreiro de 2025

Focaccia

Bo día, bolboreteirxs! Como vai a semana? Xa tedes preparado o Entroido? Nós estamos desexando que cheguen eses días xa que imos facer unha ruta por Laza, Maceda... Ademais, de que as lambonadas de Entroido son as mellores, non? Para nós, se hai filloas, ou roscas, ou orellas, ou bica de Laza... xa somos felices!  

Mais mentres esperamos que cheguen eses días, traémosvos unha receita moi moi saborosa, unha focaccia! Hai xa moitos anos vos compartiramos outra versión da mesma. Porén, quixemos darlle outra volta e probar unha nova receita. Esta é moito máis grosa e máis tenra, a outra quedaba máis fina e era máis crocante. Ademais, decidimos probar outra forma de aromatizala e gustounos moito o resultado.

O truco desta masa é a forma e os tempos de amasala! Mais, aínda así, como ides ver, é moi sinxela: 



Focaccia 


Ingredientes:

  • 800 g de fariña de forza
  • 580 ml de auga
  • 10 g de sal
  • 3 g de lévedo seco de panadaría (ou 9 g do fresco)    
  • AOVE
Para aromatizar (e decorar):
  • Alfábega fresca
  • Tomatiños cereixa
  • Cebola
  • Sal en escamas
  • Chile (opcional)


Utensilios: unha cunca grande (para amasar), un fonte apta para o forno e unha espátula. 


Elaboración:

Para comezarmos, debemos mesturar a fariña, a aula, o sal e o lévedo. 


Primeiro, facémolo coa espátula e despois xa pasamos ás mans. 


Agregamos un par de culleradas de AOVE e amasamos ben. Ao principio quedará un pouco pegañenta, mais non vos preocupedes, cos seguintes amasados xa non o fara. Deixamos repousar 15 minutos. 


Pasado ese tempo, facemos catro dobreces cara o centro. Deixamos repousar outros 15 minutos. 


E repetimos este paso 3 veces máis. E deixamos repousar sore 2 horas.


Pasadas esas dúas horas, botamos AOVE no fondo do noso molde e botamos a masa.


Estiramos cos dedos, facendo pequenos furadiños na masa, mais sen chegar sen ao fondo! Deixamos repousar 45 min- 1 hora máis. 


Despois, decoramos a nosa focaccia coa alfábega fresca, os tomatiños cereixa e a cebola. Tamén botamos unhas pedriñas de sal e un chorriño máis de aceite. 


E enfornamos a 220º, calor arriba e abaixo, durante 17-10 minutos, até que vexamos que estea douradiña. 


Deixamos que repouse un momento para desmoldar. 


E xa estaría lista para comer!


Que pintaza, verdade? Só de escribirvos a receita xa me está entrando a fame. Queda unha masa moi saborosa e moi aromatizada coa alfábega, o aove e o sal. E cada bocado cos tomatiños e a cebola é delicioso. 

É unha receita sinxela e non debemos amasar moito a masa, este é un dos trucos para que quede tan saborosa!, aínda que os temos de espera son un pouco máis elevados. 

Nós facémola bastantes veces e acompañámola dun pouco de queixo, xamón... ou incluso reenchémola, xa que ao quedar máis gordiña queda deliciosa. 

Esperamos que a poñades en práctica e que nos mandedes algunha fotiño, bolboreteirxs! 

Lémonos nas redes!

Ningún comentario:

Publicar un comentario