Achégase o día cumio das Letras Galegas e nós seguimos coa nosa humilde homenaxe a Manuel María, quen consideramos que merecería aínda moito máis. Se ben, non nos queixamos posto que este está a ser un ano histórico canto á celebración literaria e coidamos que todo o mundo está celebrando e desfrutando a poesía da man do poeta chairego. De seguro que, após o 17 de maio, non fica no esquecemento senón que será consagrado como unha das figuras máis relevantes da nosa literatura.
Despois da entrevista do pasado martes a Mercedes Queixas, autora da biografía do escritor, "Labrego con algo de poeta", quen nos deixou palabras fermosas e do máis entretidas, hoxe tentamos a partir dunha das obras de Manuel María, tirar unha creación.
Optamos por un dos poemarios menos coñecidos del mais que afondando nel demostran a valia da súa obra completa.
Dubidabamos entre crearmos a partir deste ou crearmos un prato picante a partir de "Morrendo a cada intre". Porén, optamos pola suavidade dos produtos de primavera e da horta que el tanto amaba, sobre todo esa súa horta que contemplaba antes de nada ao chegar á casa de Outeiro xa estando instalado en Monforte. A horta era o recordo da infancia pasada. De aí que valorara tanto os seus produtos mesmo dedicando composicións á pataca, aos nabos...
Primavera de Venus, homenaxe a Manuel María
Ingredientes (para 2 persoas):
- 500 gr de mexillóns
- 1 pataca cocida
- 1/2 leituga rizada
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 cebola
Para a vinagreta francesa:
- 1/4 de taza de aceite
- O zume de medio limón
- 1 chisco de azucre moreno
- 1 chisco de sal