Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía. Amosar todas as publicacións

martes, 20 de febreiro de 2018

Bolboreteando con... Rosalía Fernández Rial

A poesía é o gran milagre do mundo dicía Lois Pimentel, por iso nós recurrimos a ela sempre que podemos, e así hoxe ficamos encantadísimos de ter en Bolboretas no bandullo a unha das mellores creadoras poéticas (e non só) con que conta a nosa literatura nos últimos anos, Rosalía Fernández Rial. E sobre todo unha persoa marabillosa da que temos moito por aprender como ides comprobar neste Bolboreteando.
Tivemos a sorte de a coñecer en persoa hai ano e medio, xa que tamén participou no LGX15 cunha exposición do máis interesante (“O galego, lingua ártica”), e desde aquela vimos seguindo aínda con máis apego a súa traxectoria. Contámosvos algo antes de a lermos.
Rosalía Fernández Rial nace en 1988 ubicándose a súa infancia entre Carballo e Muxia, vilas ás que aínda hoxe segue profundamente ligada. Con gran interese pola palabra, as letras e a arte desde pequena, e representada por un nome ben simbólico, Rosalía licenciouse en Filoloxía pola USC realizando diversos traballos de investigación ligados ao teatro dirixindo despois a súa formación cara á didáctica e a expresión dramática chegando a doutorarse.