martes, 20 de febreiro de 2018

Bolboreteando con... Rosalía Fernández Rial

A poesía é o gran milagre do mundo dicía Lois Pimentel, por iso nós recurrimos a ela sempre que podemos, e así hoxe ficamos encantadísimos de ter en Bolboretas no bandullo a unha das mellores creadoras poéticas (e non só) con que conta a nosa literatura nos últimos anos, Rosalía Fernández Rial. E sobre todo unha persoa marabillosa da que temos moito por aprender como ides comprobar neste Bolboreteando.
Tivemos a sorte de a coñecer en persoa hai ano e medio, xa que tamén participou no LGX15 cunha exposición do máis interesante (“O galego, lingua ártica”), e desde aquela vimos seguindo aínda con máis apego a súa traxectoria. Contámosvos algo antes de a lermos.
Rosalía Fernández Rial nace en 1988 ubicándose a súa infancia entre Carballo e Muxia, vilas ás que aínda hoxe segue profundamente ligada. Con gran interese pola palabra, as letras e a arte desde pequena, e representada por un nome ben simbólico, Rosalía licenciouse en Filoloxía pola USC realizando diversos traballos de investigación ligados ao teatro dirixindo despois a súa formación cara á didáctica e a expresión dramática chegando a doutorarse.
Así vemos como se vai intensificando a súa relación coa arte “sensu lato”, desfrutando e profundizando en diversas disciplinas, especialmente a das letras e a dramaturxia desde a creatividade.
Con todo, de escollermos unha categoría, encaixamos a Rosalía como poeta. Destacamos entre as súas creacións En clave de sol (2009), Átono (2011), Vinte en escena (2012), Contra-acción (2016) ou Sacar a bailar (2016). Nelas percíbese esa interdisciplinariedade que percorre a súa obra, aproximándose mesmo ao ámbito da performance.
Cómpre salientar o seu ensaio (libro DVD) Aulas sen paredes (2016) en que proxecta esa formación didáctica e dramatúrxica para o ensino e aprendizaxe de linguas.
Destacamos ademais a recentísima peza narrativa Bonus track que acaba de chegar ás librarías e da que ela mesmo nos falará con máis detalle. Aquí estamos ansiosos por lelo despois das pistas que nos foron deixando. Este Bonus track, soa moi ben, e non é unha forma de falar. 
Para coñecer máis de Rosalía non hai mellor que navegarmos na súa obra, podéndomos tamén visitar a súa web http://www.rosaliafernandezrial.com/gl . Entretanto, ímonos achegando a ela a través da palabra, da resposta deste emocionante Bolboreteando.

Que ilusión contar con Rosalía, amiga e unha das mellores poetas da actualidade. Resulta moi agradábel contarmos cun futuro no que van estar persoas como ela ligadas á nosa cultura, téndomos garantida a eternidade. 

  • Antes de entrarmos de cheo, queremos darche mil grazas por te mostrar tan dispoñíbel e receptiva para esta colaboración coa que agardamos meterche algo de fame e facerche pasar un moi bo anaco. Imos alá, a que lle sabe a poesía a Rosalía Fernández Rial? 
    • Antes de mergurllarnos por completo, quixera enviar de volta esas mil grazas multiplicadas, polo voso labor exemplar en moitos sentidos. Logo, somerxéndonos xa no sentido aquí protagonista, no do gusto, atrévome a afirmar que a poesía de Rosalía Fernández Rial segrega salitre atlántico desde glándulas muxiás. Mais a lingua dos meus versos fica tamén enraizada ao cantar de Bergantiños. Se ben é certo que ese sabor periférico e holístico deixa sempre espazo ao asfalto e á hibridación, ao diálogo intercultural e, sobre todo, á acción de cuspir, ao Lois Pereiro e ao Patti Smith, doses de literatura punk. 
  • Xa llo comentamos en persoa, mais non está de máis recordalo. Uns versos de Rosalía foron os que deron nome a este blogue, a finais de 2013: “non podo vivir sen voar, quero bolboretas no bandullo”. Para nós, estas liñas representan a ilusión que cremos caracteriza o noso labor e a nosa vida. Mais... que significan para ti? 
    • Como bos filólogos captastes á perfección a esencia deses versos. Precisamente, coa inocencia da ilusión infantil, foron concibidos hai cinco anos. Están dedicados a un personaxe que forma parte do imaxinario colectivo da vila de Muxía; o Corvo Roque. Esa ave aventureira foi recuperada polo conserxe e parte do profesorado do CEIP “Virxe da Barca” e a miña admiración ante o seu traballo, derivou na vosa cita. Precisamente esa transferencia da forza popular á creación individual e o regreso ao colectivo a través do voso blog, alimenta a enerxía utópica que pretenden representar. Graciñas, tamén, pois, por compartila.
  • Nestes últimos días deches unha gran alegría aos teus lectores e lectoras, anunciando a próxima saída ao mercado da túa estrea narrativa, “BONUS TRACK”, que estamos seguro será unha gran revelación. Adiántasnos algo para @s ansios@s? 
    • Efectivamente, Bonus track (Ed. Galaxia, 2018), o meu último libro, acaba de chegar ás librarías galegas. Cada un dos relatos que contén está tecido con composicións musicais coñecidas, que se insiren na trama argumental de maneiras diversas. Ese xogo é un dos fíos transversais de 22 relatos que pretenden contestar ao interrogante formulado na páxina inicial do libro: “E as letras das cancións son ou non literatura?”. 
  • Hai algo que intuímos neste libro moi interesante e que ten moito a ver coa interdisciplinariedade cultural que por aquí tanto reivindicamos e valoramos; neste caso literaria e musical. Até que punto é importante tecer estes fíos entre diversas disciplinas? 
    • En efecto! Que agudeza filolóxica a vosa! Esa interdisciplinariedade artística e cultural está presente en todos e cada un dos meus traballos. Desde o primeiro libro que publiquei, un “poemario musical” titulado En clave de sol (2009), recollido en Sacar a bailar (Poesía reunida 2009-2016) ata os proxectos de carácter escénico ou de ensaio, como Aulas sen paredes(2016). O diálogo entre as artes ou as áreas de coñecemento diversas é a esencia dun coñecemento, un pensamento e unha estética integral, holística e complexa, como a realidade que nos rodea. Na vida nada acontece desvinculado e un dos acertos da era contemporánea no que á construción epistemolóxica e á creación se refire, baséase en percibir rizomas nos que todo está implicado; todo incide en todo. O importante, penso eu, é que esa rede derive en Humanismo e humanidade, non en dispersión. 
  • Nós como filólogos temos especial devoción polo lirismo da literatura, mais aínda así vemos que segue en certa medida distante dos mozos e mozas. Esta é unha batalla perdida? 
    • Para min ese é un tema moi interesante á vez que complexo, nesta actualidade tan líquida como repleta de oportunidades. Penso que a contradicción do asunto reside en que por unha parte nunca tanto se leu, nunca tanto acceso tivemos a poéticas diversas e nunca tan de moda estivo ese lirismo ao que aludides. Mais, ao mesmo tempo, xamais existiu tal grao de dispersión e de homoxeinización nas mensaxes, nos códigos e en autorías obviadas ou confundidas. Por todo iso considero que o ámbito escolar ha de dotar ao alumnado de ferramentas que lles permitan desenvolver unha perspectiva crítica mediante a que poidan escoller libremente e, sobre todo, que lle outorguen o pracer de ler, de descubrir o poder da verdadeira poesía. 
  • Que factor xogan as RRSS na poesía do século XXI? 
    • As redes sociais, igual que internet, cambiaron por completo os paradigmas literarios que ata agora manexabamos. As regras de xogo reviráronse e, se temos formación -entendida esta desde un sentido amplo- non ten por que ser para peor. Agora as mensaxes case sempre chegan mediante a hibridación de códigos e abertas a outros enlaces, a links que constrúen doutro xeito os textos. Modificáronse por completo as maneiras de ler, de difundir o feito literario, de acceder a el, de relación entre autoras e lectoras; alteráronse de arriba a abaixo os elementos daquilo que Itamar Even-Zohar chamou o “Polisistema”. Mais, a dicir verdade, tan aberta estou a iso como a afirmar que cada vez sinto máis pracer cando descanso das pantallas e me somerxo de pleno nun bo libro en formato papel. Gústame levar bibliografía da que pesa en mochilas e maleteiros, en bolsas da praia e desfruto moito dos sentidos reais, humanos, naturais. A cuestión é: teñen que ser contrarias ambas vertentes? Para min poden non selo se as sabemos xestionar. Se somos donas do noso tempo e conxugamos ben a intelixencia e o emocional nas eleccións. 
  • Voltándomos ao culinario. Sabemos que Rosalía é unha persoa moi ligada á súa terra natal, Carballo, localidade ben prezada para o bo comer. Que produto gastronómico destacarías del? 
    • Podería mentir e facerme a moderna. Pero prefiro dicir a verdade: nada como o pan de Carballo, as patacas de Coristanco e o peixe ou o marisco muxiá. Hai certezas telúricas que traspasan tempos e fronteiras e adoro que sigan así. Niso concordo por completo con Pondal; en Bergantiños son “todas, todas, boa terra”. Creo na subxectividade poética mais tamén neste terreo vizoso que piso cada día. Nunca debemos darlle as costas á natureza; pois no seu sustento está o verdadeiro progreso. 
  • A nosa pregunta favorita nunca falta. A Madalena de Proust de Rosalía Fernández Rial... 
    • Aquí tampouco dubido: a madalena de Proust de Rosalía Fernández Rial é a empanada de polbo da súa nai. A memoria do seu sabor lévame ás romarías colectivas; a San Roquiño do monte, á festa de Moraime ou á Romaría da Barca. Ningún acto culinario me logra emocionar máis que esa empanada compartida coa familia que vén dada e a elixida, toda ela en modo festivo. Isto soa moi idílico, mais tiven a fortuna humana de vivilo na realidade e non cambio ningún deses momentos de amizade e convivio por nada. 
  • Rosalía está ligada ao mundo da didáctica, campo no que é doutora. Cal cres que é a gran problemática da ensinanza nos nosos días e como se podería solucionar? 
    • A gran problemática, para min no ensino actual ten que ver xusto co que comentei antes dunha posible mala xestión das tecnoloxías. A fascinación polas TIC non pode conducirnos a esquecer o esencial: se non axudamos ao alumnado a que desenvolva un pensamento crítico; se non poñemos en práctica unha educación integral, humanista e científica, comunicativa, cooperativa, ética, corporal e dialogante, en valores ou igualitaria de nada serve que saiban manexar robots. Calquera máquina acabará desenvolvendo as tarefas mecánicas mil veces mellor que o ser humano. A nosa linguaxe ten que ser outra, igual que as nosas capacidades. Nunca tanto se precisaron metodoloxías que teñan en conta a afectividade, a psicomotricidade, a comunicación, o pensamento crítico e a educación en valores. Nunca tanto precisamos da expresión dramática e teatral para recrear contextos reais que nos permitan desenvolvernos en contextos similares aos que nos debemos enfrontar como persoas pensantes. De nada serve xa cubrir ocos e relacionar. Urxe poñer en primeiro plano a creatividade, a comunicación integral -verbal e non verbal-, a ética, a identidade e a reflexión. Unha educación de calidade, innovadora desde a raíz, desde o método e non superficial, non só gramatical, non só tecnolóxica, é o único que nos pode salvar como especie. 
  • Para nós a poesía ten moito de inspiración e provocación. Ten habido algún prato cuxa degustación provocase en ti a creación ou canto menos que vises nel a necesidade de o poetizar? 
    • Os amorodos aos que cantan os Beatles en Strawerry Fields formaron parte do meu imaxinario poético e culinario desde que descubrín ese grupo aos seis anos de idade. Encher a boca de amorodos, mastigalos tinguindo a lingua, supón un feito literario só equiparable a ir apañar moras ao monte de nena cos amigos e pintar cara e beizos desoutra tonalidade. Ás amoras aínda non lle dediquei un poema. Mais os amorodos de Strawerry Fields están presentes nun relato do Bonus track (Ed. Galaxia, 2018) 
  • Nós temos especial paixón pola literatura gastronómica, mais tamén pola literatura acompañada de gastronomía, pois unha entra mellor coa outra. Propoñémosche a creación dun menú literario-gastronómico, é dicir, cada prato acompañado dunha lectura coa que Rosalía devecería... 
    • En coherencia con todo o sostido anteriormente sobre as letras das cancións e, en conxugación con outros centos de posibilidades: nesta pregunta aposto pola literatura oral popular nas cantigas tradicionais galegas. Véxome nunha romaría, rodeada das e os de sempre, compartindo empanadas e tortillas, mentres escoito letras de cantigas populares que tamén son literatura: “por esa que entrou no baile / por esa que entrou agora / por esa que entrou no baile / tocarei a noite toda”. Se ben é certo que ao día seguinte podería agocharme, soa e anacoreta, a escoitar Tom Waits co máis complexo poemario vangardista na man. Nesa esquizofrenia reside, en gran parte, a literatura, non si? 
  • Xa para rematar, e unha vez máis mostrándoche toda a nosa admiración, agarimo e agradecemento, cerramos cunha cuestión. Onde está a poesía? 
    • Desde sempre defendín que a poesía reside na propia vida; que é aí onde debemos buscala mais, sobre todo construíla: no presente que escapa, na abstracción dun encontro ou conversa máxica; en pequenas accións compartidas, na subxectividade dun pensamento humano capaz de idealizar e incluso de transformar realidades. Ou tamén, claro, no desespero, no desengano, na impaciencia por entender, por querer comprender, por ansiar aprehender imposibles, nas fendas e fracturas. Evidentemente, a literatura ha de esvaecer eses anacos tanxibles para caber no papel. Mais, se son sincera, para min a poesía só soa crible cando saíu de verdades, dalgunha certeza por mínima ou subxectiva que sexa. A poesía está na (re-)construción estética de pensamentos auténticos que nalgún momento quebraron. A prosa é outra historia. Ou non, se a hibridamos. 

"Tostas de pan de Carballo con paté mariño muxián"


Ingredientes: 

  • 1 ovo cocido 
  • 1 lata de bonito natural 
  • 1 lata de mexillóns en escabeche
  •  6 pauíños de cangrexo 
  • 1/2 caixiña de queixo de untar 
  • 2 culleradas de mahonesa 
  • 1 culleradiña de mostaza 
  • Pementos vermellos
  •  Aceitunas Anchoas

Elaboración: 

1. Métense nun cazo o ovo cocido, o bonito, os mexillóns, os pauíños de cangrexo, o queixo de untar. a mahonesa e a mostaza
2. Tritúrase todo co batedor eléctrico
3. Córtanse unhas tostas de pan de Carballo e úntase co paté
4. Por último, decórase a tosta cun pemento vermello, media aceituna e unha anchoa
Ese é un entrante. Para os seguintes platos: consúltese "Bolboretas no Bandullo"

Aínda que nos insistiu na obriga moral de seguir na literatura para non perxudicar a gastronomía, nós cremos que o talento interdisciplinar de Rosalía dá para crear marabillas en calquera ámbito. Velaquí esta apetecíbel receita.
Ben, insistindo de novo, queremos dar millóns de grazas á amiga Rosalía pola paixón e dedicación posta neste Bolboreteando. Parabenizala por todo o labor e éxitos acadados e desexarlle para sempre o mellor. 
Igualmente, grazas a vós por estardes aí con cada lectura e sempre con agarimo. Lémonos!

1 comentario:

  1. In 2003, The Mobile Lottery launched within the United Kingdom as the first cellular gambling enterprise within the nation. After wireless gambling on casino grounds was casino.edu.kg legalized in June 2005, in March 2006, the Nevada Gaming Control Board "cleared finest way|the way in which} for businesses to suggest methods during which institutions can supply wireless gambling." Game weighting present you the video games to play to fulfill wagering phrases. For instance, slots may contribute 100% whereas table video games only contribute 10%. On the opposite hand, they’re required to offer video games on professionally designed, safe cellular web sites and apps. What’s extra, they need to|they have to} supply video games from respected software suppliers.

    ResponderEliminar