A de tempo que levabamos con este capricho en listaxe de espera. Pois hoxe vai, amig@s! Chegou a quenda das fabas con ameixas, ou fabes con almejes como din por Asturies.
Esta orixinal combinación de legumes e bivalvos xa se ten convertido desde hai tempo no prato simbólico da gastronomía asturiana a na última viaxe que fixemos por alá non puidemos deixar de degustar de primeira man ese sabor tan especial e intenso que agora tentamos achegar a esta nosa receita. Xurdiu da iniciativa dun restaurante (La Gruta) con motivo da entrega duns premios en que se honraba a faba e figuras distinguidas.
Estamos seguros que vós tamén o desfrutastes xa nalgún momento mais... animádesvos a crealo?
Fabas con ameixas
Ingredientes:
- 500 g de fabas
- 1'5 l de caldo de peixe
- 1 cebola
- 1 tomate
- 1/2 pemento verde
- 1 culleriña de pemento
- Un chisco de azafrán
- Un chisco de sal
- Unha cullerada de aceite
- Auga
Para as ameixas:
- 300 g de fabas
- 2-3 dentes de allo
- 1 chile
- 1/2 vaso de viño
- 1 cullerada de aceite
Utensilios: unha pota con tapa e unha tixola, tamén con tapa e un batedor eléctrico.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de deixar en remollo as fabas a noite antes. Despois, escoámolas e reservamos até o momento de preparalas.
A continuación, botámolas nunha pota, engadímoslle o caldo e a cullerada de aceite. Fervemos a lume alto coa tapa posta durante 20-25 min. Cando comece a ferver, engadimos a verdura.
Pasado ese tempo, baixamos a o lume para que estea baixo e engadimos o pemento e o azafrán. O pemento pode ser doce ou picante, iso vai ao voso gusto 😉.
A partir de agora, teremos que cociñar as fabas durante, aproximadamente, 1 hora- 1 hora 20 min, aínda que vai depender das fabas. Cando leven un pouco cociñándose a lume baixo, retiramos a verdura, unhas poucas fabas e un pouco de caldo, trituramos todo xunto e volvémolo á pota. Isto fará que a salsa quede máis espesa e saborosa.
Á parte, e cando as fabas estean listas, temos de abrir as ameixas. Rustrimos os dentes de allo e o chile nunha cullerada de aceite de oliva.
Botamos as ameixas e o viño branco. Tapamos e cociñamos 3-4 minutos até que se abran.
Agregamos as ameixas ás fabas, mesturamos moi ben e fervémolas durante 5 minutos.
Deixámolas repousar un pouco e xa estarían listas para comer!
Agardamos que vos gusten e que as faigades 😋
Hummm, parece apetitoso, non é? Obviamente, para nós xa non hai máis pratos, xa que as fabas com ameixas chegan e bastan como núcleo de calquera menu. Iso si, sempre se lle repetiu unha ración máis. Ben, agardamos polos vosos comentarios. Xa nos ides dicindo, amig@s! Forte aperta!
Non entendo ben a receita, cando se engade a verdura despois de 20-25 minutos?
ResponderEliminar