Amosando publicacións coa etiqueta ameixas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ameixas. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de febreiro de 2018

Fabas con ameixas

A de tempo que levabamos con este capricho en listaxe de espera. Pois hoxe vai, amig@s! Chegou a quenda das fabas con ameixas, ou fabes con almejes como din por Asturies.
Esta orixinal combinación de legumes e bivalvos xa se ten convertido desde hai tempo no prato simbólico da gastronomía asturiana a na última viaxe que fixemos por alá non puidemos deixar de degustar de primeira man ese sabor tan especial e intenso que agora tentamos achegar a esta nosa receita. Xurdiu da iniciativa dun restaurante (La Gruta) con motivo da entrega duns premios en que se honraba a faba e figuras distinguidas.
Estamos seguros que vós tamén o desfrutastes xa nalgún momento mais... animádesvos a crealo?





Fabas con ameixas


Ingredientes:


  • 500 g de fabas
  • 1'5 l de caldo de peixe
  • 1 cebola
  • 1 tomate
  • 1/2 pemento verde
  • 1 culleriña de pemento
  • Un chisco de azafrán
  • Un chisco de sal

martes, 5 de xaneiro de 2016

Sopa mariñeira de ameixas

Xa vos diciamos que estiverades pendentes que ía haber unha segunda parte desas marabillosas ameixas á mariñeira e así é. E imos cara a un prato fondo. Aínda que non resulta frecuente encontrardes por Bolboretas no bandullo receitas de prato fondo, desta volta tiñamos todo a favor. Ademais, que tiramos de factor emotivo, xa que esta delicia rara vez a encontramos en ningún restaurante, porén, desde ben pequenos a degustamos na nosa casa o día despois de facermos ameixas ou berberechos á mariñeira.
A festa do xantar ou cea con marisco ten continuación nesta sopa de sabor intenso cun certo carácter recuperador para o día despois dalgún exceso. Alén de estarmos reutilizando un prato do menú, estamos logrando todo un manxar líquido para o que podedes deixar algunha ameixa. Nós somos tan lambóns que xa as comimos todas o día anterior, ficando co mollo.
E senón, que íades facer con toda esa salsa? Sería demasiado acabala a base de pan, e tirala? Nin de broma. Pois este recurso queda convosco para as mellores ocasións. Veredes, veredes!


Sopa mariñeira de ameixas


Ingredientes:
  • 100 gr de fideos
  • Sobrante da salsa das ameixas
  • 2 vasos grandes de auga
  • 1 culleriña de colorante 
Utensilios: un cazo e  unha culler.

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Ameixas á mariñeira

Feliz ano, bolboreteir@s!!! Xa estamos a pleno rendemento no 2016, non é? Ou algúns e algunhas aínda non se recuperaron da noitevella?
Pois hai que recoller forzas para afrontar este novo ano coa máxima das ilusións e enerxías. Este ten que ser o noso e o voso ano. Adiante!
E por iso comezamos cun prato de altísimo nivel, un clásico galego que se pode encontrar en numerosísimos restaurantes do país. Certo é que as ameixas á mariñeira non son para se faceren todos os días, principalmente pola cuestión económica, mais tamén sabemos que poucas opcións hai mellores para un xantar ou cea especial. De todas formas, non todo o mundo se pode permitir mercar ameixas para días así, principalmente por seren un número de comensais abundante o que fai un prezo dificilmente asumíbel. Por iso cómpre non desbotar a receita ás primeiras de cambio, xa que teriamos outras opcións máis económicas como berberechos ou mexillóns, tamén moi saborosas e perfectas para facer con este mollo.
Nós tiramos este luxo do maxín con motivo da noitevella e tamén por ese segundo aniversario de Bolboretas no bandullo que tan ledos nos ten.
Recordade que imos sortear unha táboa de turrón caseira de chocolate e uns nevados natalicios. De momento, xa temos máis dunha decena de participantes. Con todo, tedes aínda todo o día de hoxe e mañá até as 23 para comentardes nesta entrada do blogue, ou rechouchiardes algún dos nosos chíos en Twitter. O luns procederemos a enviar o premio ao ganador ou ganadora, para ver se o pode desfrutar para a xornada de Reis. Un agasallo humilde mais queriamos ter un detalle con tod@s vós, que logrades que isto siga adiante coa máxima ilusión.


Ameixas á mariñeira

Ingredientes:
  • 2 kg de ameixas 
  • 2 cebolas grandes 
  • 3 dentes de allo 
  • 1 vaso de viño branco 
  • 1 vaso e medio de auga 
  • 1 cullerada de espesante instantáneo 
  • Unha pastilla de caldo de peixe 
  • Unha culleriña de pemento doce 
  • Unha culleriña de pemento picante 
  • Un pouco de pirixel