Achégase o día cumio das Letras Galegas e nós seguimos coa nosa humilde homenaxe a Manuel María, quen consideramos que merecería aínda moito máis. Se ben, non nos queixamos posto que este está a ser un ano histórico canto á celebración literaria e coidamos que todo o mundo está celebrando e desfrutando a poesía da man do poeta chairego. De seguro que, após o 17 de maio, non fica no esquecemento senón que será consagrado como unha das figuras máis relevantes da nosa literatura.
Despois da entrevista do pasado martes a Mercedes Queixas, autora da biografía do escritor, "Labrego con algo de poeta", quen nos deixou palabras fermosas e do máis entretidas, hoxe tentamos a partir dunha das obras de Manuel María, tirar unha creación.
Optamos por un dos poemarios menos coñecidos del mais que afondando nel demostran a valia da súa obra completa.
Dubidabamos entre crearmos a partir deste ou crearmos un prato picante a partir de "Morrendo a cada intre". Porén, optamos pola suavidade dos produtos de primavera e da horta que el tanto amaba, sobre todo esa súa horta que contemplaba antes de nada ao chegar á casa de Outeiro xa estando instalado en Monforte. A horta era o recordo da infancia pasada. De aí que valorara tanto os seus produtos mesmo dedicando composicións á pataca, aos nabos...
Primavera de Venus, homenaxe a Manuel María
Ingredientes (para 2 persoas):
- 500 gr de mexillóns
- 1 pataca cocida
- 1/2 leituga rizada
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 cebola
Para a vinagreta francesa:
Utensilios: mandolina (ou táboa e coitelo, unha pota e unha fonte para presentar.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de limpar os mexillóns. Despois abrímolos, para iso botámolos nunha bota cun chisco de auga. Entre os produtos de tempada, decidimos incorporar os mexillóns porque neles vemos representado esa Venus e tamén actuando como elemento do mar que adoraba. A pesar de non ser capaz nunca de se meter en ningunha praia, desfrutaba coa contemplación do xigante azulado.
Volto a soñar co mar outra vegada.
O mar é azul baixo un ceio
tamén azul como a esperanza.
O mar é un soño doce
que frolece nesta noite de maio
na que o milagre máis marabilloso
se pode cumprir doadamente.
As escumas son brancas, brancas,
maxicamente brancas.
E o rumor das ondas,
soñadas e lonxanas,
arrola docemente a miña alma.
A continuación facemos a vinagreta. Para iso, mesturamos o aceite co limón, o azucre e o sal.
Despois, lavamos a leituga; cortamos a cebola e o pemento coa mandolina, ou finamente cun coitelo; e cortamos a pataca en dados. E a pataca na ensalada por que? Pois porque a pataca da Terra Chá non é pataca calquera e porque el tena valorado como alimento de humanos e animais:
As patacas
Os días de Setembro xa mediaron.
Coñécese nas tardes que baixaron.
Ás mañás comeza a facer frío
e son grandes as pingotas de resío.
-Hai que ir xunguindo as vacas
e comezar a apaña das patacas.
Hai patacas cazonas e mariñas;
grandes, pequenas, mareliñas.
Pra apañalas sofren os cadrís.
Estas, cor viño, son as do país
que case non pagaron a semente:
¡van cansadas! As da xente
son as grandes. As dos ganados
van da terra en sacos separados.
¡Aínda que non dean cartos, as patacas
ceban os porcos e fan medrar as vacas!
Colocamos a leituga no fondo da fonte e, nos lados, o pemento, a cebola e a pataca cocida. Xusto no centro, os mexillóns cocidos.
Aliñamos coa vinagreta.
E xa estaría preparada para comer! Que aproveite! E que mellor xeito de a desfrutarmos que coas lecturas do autor? Non temos constancia de se gustaba ou non das ensaladas mais si de que adoraba a primavera, encarnada precisamente neste mes de maio, etapa de florecemento da vida, non só vexetal, senón tamén do espírito das persoas. Esta é para nós unha receita moi especial en que combinamos dúas paixóns e que serve como homenaxe gastronómico a quen tanto admiramos aínda non tendo nunca o pracer o coñecermos.
Poís xa estamos no día das letras galegas e mira por onde, o pratiño que traedes vai que nin pintado pa celebrar o día. Con esa vinagreta francesa teñen que estar moi bos os mexillóns.
ResponderEliminarBicosss
Sii, xa publicamos nun pouco a nova entrada dedicada a Manuel María, hahaha!!!
EliminarGrazas e mil bicos!