martes, 3 de xullo de 2018

Bolboreteando con... Lois Pérez

Foto de Alba Díaz
Día especial o de hoxe para nós e para vós pois contamos coa oportunidade de lermos e sabermos máis dunha das voces máis renovadoras da lírica galega. O de renovador é un adxectivo, xa un tanto tópico, do que se bota man para catalogar practicamente todas as novas voces da literatura mais o caso de Lois vai ao sema principal do termo pois está a abrir novas vías con cada un dos seus textos e
tamén das súas actuacións (si, as súas presentacións son realmente actuacións).
Lois Pérez naceu en Lugo no 1979 e Lugo acompañarao como sinal de identidade até os nosos días. Xa desde ben novo compaxina o seu gusto polo deporte e a cultura. De feito, vaise dedicar ao fútbol sala, chegando a xogar na División de Honra, en equipos como o Porto Celeiro, na súa etapa dourada ou o Azkar Lugo. Con todo, acaba por seguir o camiño da literatura, como contador, seguindo a liña doutro lugués que dignificou o conto como Ánxel Fole e bebendo de moi diversas fontes, poéticas e musicais.
Foto de Alba Díaz
No campo dramático, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega con “Saltimbanqui”. En 2013 publicou “LP” (Emerxente), abrindo así a súa traxectoria poética que se consagra en 2017 co recente “Long Play” (Xerais).
Ademais, colabora coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, vén traballando en diferentes proxectos de dinamización lingüística e cultural e mantén viva a tradición oral en cada unha das súas intervencións en librarías, tabernas, teatros ou pubs, cheos de poesía, humor e acordes de guitarra.
Nós que gustamos inmensamente da interdisciplinariedade e do polifacético, presentamos hoxe con moito orgullo este crack todoterreno. Imos bolboretear un bocadiño!

  • Antes de nada, benquerido Lois, por fin te temos connosco! Mil grazas por sacares un oco para nós, o que valoramos moitísimo sabendo como está a ser este último ano con ese Long Play que viaxa por toda Galiza cun ritmo endemoñado. Como estás a vivir esta experiencia polas diferentes vilas e cidades do país?
    • Vívoa con ledicia e emocionado pola resposta da xente. Estou tendo ocasión de compartir cousas moi bonitas con xente que admiro e que aprezo, no artístico e no persoal. Síntome Juan Pardo por momentos: Miña terra das saudades/eu tetraio unha sonrisa/e un cachiño de morriña/para aqueles que me escoitan/lonxe da terra querida. Ten algunhas dificultades co pronome pero polo demais... En serio, demasiado bonito todo por un feixe de poemas mellorábeis! Prometo mellorar!
  • Long Play é un poemario dos que non deixa indiferente, que estimula o lector. Que procuras ti en cada verso? Que reacción ansías?
    • Procuro sintetizar unha emoción ou unha idea ás veces, outras non procuro nada, só facer máis bonito un grolo de cervexa ou encontrei algo na guitarra... É como facerse preguntas que te levan a outras preguntas... Ansío que a xente poida emocionarse sobre unha determinada cuestión, ou algo que por algún motivo é importante pra min. Escribo buscando algo, supoño... Poucas veces o encontro, pero a procura sempre é interesante. 
  • Xa sabes que nós vemos o culinario por todos lados, e tamén na túa obra. Iso si. Asociámolo a un prato descarado, atrevido...
    • Creo que churrasco, no sentido amplo do prato. O churrasco ten unha vertente popular, pero pode ser un prato culto chegado o caso: podes enlarafuzarte as mans coas costelas, ou demorarte en anacos de segredo, hai algúns mollos máis fortes, suaves e picantes, algún anaco vai bastante cru tamén... Outros fixéronse demasiado, pode que mesmo haxa anacos de graxa que sobran, hai algunhas influenzas ao espeto pero... A min eses anacos gústame comelos, o epílogo trae patacas fritidas prós atrevidos e comellóns... E inda que non hai necesidade, gústache coroar a enchenta con algún anaco de crioulo que che repetirá toda a tarde, visitarate horas despois algún verso coma os bos crioulos prescindíbeis... O Long Play é puro churrasco, babe!
  • Lois Pérez ten para nós a curiosidade de ser o primeiro poeta que coñecemos a través do deporte, concretamente do fútbol sala xa que se dedicou a el profesionalmente durante unha boa fase da súa vida. No deporte hai poesía?
    • Supoño que a poesía-a contemplación poética do mundo e das cousas- está en todo, tamén no deporte. O deporte é xogo e o xogo é unha faceta esencial da persoa, dende meniños, mais hai que saber mirar, e non sempre se traduce en verso... Ver correr a Zidane e baixar a pelota á herba como se fose un cisne era poesía, ou os pases de Magic Johnson, ou os ollos ilusionados dunha nena tirando á canastra... Mais pra min o deporte foi poesía tamén: vivín momentos máxicos nese contexto de observar a poesía da vida, púxenlle poesía ao fútbol sala cando non lla encontrei, hai toda unha poesía da derrota, que case é a única lección do deporte, tamén da vida, supoño... Neses anos inventeime un espazo secreto de poesía pra min: acumulei libros e textos e cine, música...Tiven moito tempo tamén pra aprender nese sentido. Ir ao peirao de Celeiro a ler e tomar o café pola tarde ou facer o encrucillado ao Puerto Chico, entre mariñeiros, era poesía; ir ao Café da María a Viveiro e escoitar o jazz e o rock co café e cos discos do Nori (neto de Noriega Varela) e os vellos cartaces para anunciar as películas do cine que pintaba seu pai era poesía...
  • Precisamente nunha fase desta etapa vés dar a Viveiro, xogando no Porto Celeiro, que daquela militaba na División de Honra de fútbol sala. Polo que sabemos, viviches no barrio de Celeiro. Ou mellor dito, na República Independente de Celeiro (precursora do secesionismo catalán, ha!). Cales son os mellores recordos destes anos?
    • O mellor recordo foi algunhas persoas que coñecín neses anos alí, a convivencia cos meus compañeiros, cos brasileiros... Ás veces cociñaba pra eles e despois tocabamos co cabaquinho e as guitarras as súas cancións brasileiras: Zeca Pagodinho, Legiao Urbana... O Rafinha caeu un día ao mar, volvía en bicicleta ás sete da mañá de saír por Viveiro; apareceume na porta todo mollado: “poja, Lois, caín á auga mesmo, viu...Tomamos ese cafezinho?”
  • Hai algún prato que recordes con especial cariño desta etapa ou algún restaurante? 
    • Si, cociñaba lasaña pra eles algunha vez. Tiña certo éxito e rara vez podiamos repetir porque papaban a Cristo; tamén comiamos algún prato brasileiro, coma feixoadaás veces e farofa (facíana con touciño, chourizo, aceite, pan grelado e fariña...), pratos de xente humilde cos que eramos moi felices calquera día do inverno á noite. Eu a cambio iniciábaos nas películas de mafiosos e na obra de Dylan... Encargabamos máis churrasco á Fonte, iamos ao chiringuito da praia de Xilloi cando viña o bo tempo, levabamos as guitarras ás ceas, comiamos bo peixe en Area- mais poucas veces, penso que no clube atrasábanse cos cobros pensando en nós e en que aforrásemos...-
  • Falabamos antes do interdisciplinar de Lois Pérez. Poesía, fútbol sala, humor... Cales son as fontes das que bebes como contador de historias?
    • Bebo da fonte da miña propia estupidez, que flúe con extraordinaria xenerosidade, tanta que sorprende ao propio estúpido, que son eu: tamén Mezz Mezrow, o cine, Darío Fo, Borges, tradición oral galega e outras tradicións orais, a familiar, a propia vida, o Dicionario Jázaro de Mirolad Pavic, Cunqueiro...
  • Lugo, A Terra Chá, A Mariña Luguesa forman parte do corpus artístico e cremos que vital de Lois que non lle impide saír del para tecer conexións cos elementos foráneos de interese como o blues ou o rock & roll. Como xorden estas conexións?
    • O blues negro e o rock, ou o froito do seu contacto cos brancos e o tempo dos electrodomésticos e o auxe da radio nos corenta e cincuenta, que se traduce no rock and roll, conteñen un e outro códigos - nas maneiras, na linguaxe, no musical, no vestir, na actitude- que eu entendo e cos que me identifico. Estudei moito as letras de Leadbelly e Jimmy Red, as postas en escena de Cab Callaway ou a obra de Muddy Waters ou Etta James; tamén as do rock. Esa linguaxe é totalmente actual. O rock non caduca, son as persoas as que perden os folgos e os reflexos, pero o rock é inmorrente. O rock sempre estará aí agardando. Como actitude, rock tamén é Chet Baker ou Mozart e Coltrane, Maruxa Mallo é rock... Concibo esta cuestión como un universo máis amplo que transcende o estritamente sonoro. Son quen de valorar outras expresións musicais-encántame algún jazz ou a música brasileira e cubana, parte do noso folclore, Edgar Varese ou Erik Satie, todo iso...- pero a síntese, o poder sintético destas expresións, no musical e nas letras (non todas) é o que me interesa e iso reflíctese nalgunhas facetas da poesía que eu fago. E fágoo adrede. Non son alleo ás formas contemporáneas que dominan a poesía hoxe, ou a forma de facer un libro de poemas ao uso (dez poemas e trinta páxinas), pero o que fago debe expresar o que son, e deixo adrede que saia así. Hai algo de renuncia no acto de escribir. Ti podes manexar moitas influenzas, pero é importante renunciar buscando esa síntese. Se colles Bowie ou Cohen ou Dylan, ou as grandes cantantes do blues e do rock...Estaban podres de coñecemento, pero hai enormes exercicios de renuncia, no camiño de ofrecer algo verdadeiramente traducíbel e sinxelo. Hai unha exposición preciosa de Picasso en Marsella onde aparecen os seus últimos cadros: parecen debuxos de neno cheos de cor, pero non o son. É como visitar a túa infancia dende o estudio e o coñecemento acumulado, pero renunciando a el, inda que vai estar sempre presente de fondo. Esa idea gústame. E logo está Frank Zappa, que está noutra dimensión do talento musical: como guitarrista e compositor de música clásica, personaxe, letrista, filósofo... Sempre nos dá moito o rock and roll. Demasiado!
  • A que sabe Lugo e que significa para Lois?
    • Lugo sabe moi ben. Sábeme moito aos pratos que facía miña avoa Manola, que foi a cociñeira moito tempo do Monterrei. Iamos buscala no dous cabalos vermello de miña nai ao fondo da Praza de Santo Domingo cando saía de traballar. E sempre me traía unha bolsiña de plástico chea dos pinchos que cociñaba: tortilla, salchicha envolta en pataca fritida, os 'fritos' que facía con leite, ovo, fariña e sal, as empanadillas caseiras e as súas croquetas...Ela tiña medo que eu morrese de fame e facíame ensaladilla, carne mechada, guisos, caldo de macarróns... Miña outra avoa tamén, a Dedica. Eu de neno xantaba na súa casa, na Piringalla e logo pola tarde, adormecía na clase de tanto que comera. 
  • O pasado é fonte inesgotábel para as historias do Lois e seguro que aí teñen cabida tamén os recordos culinarios. Cal é a túa madalena de Proust?
    • A miña madalena de Proust penso que é unha carne guisada de miña avoa que me presentaba nunha potiña ben pequena: tiña unha salsa moi vermella e cebola moi picadiña. Servíaa sobre cachelos e inda que pareza unha pastramada eu adornábaa cunha maionesa que facía ela a man espectacular. Estoume babando.
  • Sabemos que en Long Play procúrase o lirismo no baile, na discoteca, na terra, no humor, na xente... Cres que se pode procurar tamén na gastronomía actual ou está deturpada pola modernidade?
    • Penso que no noso país cocíñase moi ben e hai cociñeiras e cociñeiros que saben ter en conta o pasado e a tradición, pero adaptándo as nosas materias primas ás formas máis modernas da cociña. Seguro que leron o Abecedario das Mantenzas, do voso vivairense Fausto Galdo, un libro estupendo no literario e no gastronómico, supoño que imprescindíbel para calquera que queira ter un futuro na cociña e para modestos comensais coma min, con gana de saber. 
  • Índomos rematando. Unha pregunta moi aberta. Talvez demasiado. Cal é o futuro da literatura popular e oral véndomos a desconexión cara a cara e o tratamento persoal?
    • Pois non sei se ser optimista; ao mellor no futuro a xente estudia o whatssap como literatura popular ou os vídeos de youtube como formas arcaicas de expresión oral... Tal e como a coñecemos o futuro non é moi claro; 'papi, yo me hise la selfi pa que tú lo veas...” , o contacto coas persoas e coa natureza así como a observación da realidade está bastante condicionada pola nosa relación coa tecnoloxía... Pero todo ten matices. Hai máis contadoras e contadores de historias ca nunca, ao tempo as novas tecnoloxías permiten unha mellor recompilación da nosa tradición oral. Quero pensar que todo se transforma, saberemos se foi pra mellor...
  • E para finalizar e deixarmos bo sabor de boca...Que prato nunca faltaría no menú ideal do Lois?
    • Difícil escolla. Coido que podería elixir calquera dos que prepara Alba, miña muller ou Veva, súa nai: patacas recheas, carne en rollo, luras recheas con arroz, pescada en salsa verde con patacas panadeira, polos campeiros de nadal... incríbel! Ou calquera dos pratos de pasta con trufa que probamos pola Toscana... Que sei eu. Churrasco hasta la muerte!



Canelóns á Alba, por Lois Pérez



Ingredientes: 


-12 pracas de canelón

- cebola

- allo

- sal

- variedade de cogomelos ao gusto

- xamón

- piñóns

- aceite de oliva virxe extra

- queixo mascarpone

- queixo Philadelphia

- nata de cociña

- salsa de tomate caseira (tomates ecolóxicos, alfábega, cebola, allo, cabaza e sal)

- queixo Parmesano



Modo de preparación:


- Poñer o disco de Muddy Waters, The Folk Singer,e picar ben picadiña media cebola (non abusemos da rima) canda o allo (insisto, non busquemos rima nin coa cebola nin co allo). 
- Pensar en Uxío Novoneyra e botar un chisco de aceite no fondo da tixola (pode ser un wok, neste caso; pensar nun haiku). Engadir a cebola e o allo e rustrir a lume lento. Opcional: servir un viño branco ben frío nunha copa ou abrir unha lata de cervexa. Pensar nun verso e esquecelo.


- Picar os cogomelos ben picadiños e engadilos no momento en que o rustrido estea ben douradiño, a lume vivo; saberémolo se nos entra gana de cantar Sonho dourado, o fado de Alfredo Marceneiro. Engadir o sal ao gusto.
- Engadir finalmente o xamón ibérico ben picadiño tamén e unha presada abondosa de piñóns. Deixar que se doure tamén o xamón, sen facelo de máis. Recrearse no corte de Muddy, Good Morning Little Schoolgirl.















- Poñer o disco de Chuck Berry Have Mercy, e elixir a canción Fish and Chips; engadir unha cullerada sopeira de Mascarpone e outro tanto de Philadelphia e remexer. A seguir, engadir a nata de cociña e seguir remexendo. Deixar que se faga a lume lento e remexer de cando en vez. Servir outro viño, recitar SOS de Manuel Antonio, erguer a copa ao trasluz da fiestra e deleitarse na cor do caldo.













- Poñer Londonberry bluese vencer a impaciencia deixando que a salsa enfríe. Poñer os canelóns a remollo en auga quente 20 minutos. 30 minutos no caso de querer servilos fríos. Despois quitalos da auga e poñelos a secar sobre a pedra limpa, preferentemente riba dun pano. Pensar en Lois Pereiro, no fugaz da vida.


- Botar unha cullerada e un chisco de salsa en cada un dos canelóns. Volver a Muddy Waters, escoller I feel like going home.Procurar a harmonía ao envolver os canelóns. Poñer un fondo de salsa de tomate sobre a bandexa de forno e sobre o prato individual.













- Colocar os canelóns sobre a salsa de tomate e recitar Anne Marie Morris, coma unha Rosalía alófona.


- Relar con xenerosidade sobre os canelóns queixo parmesano da queixería de meu irmán Alberte, Queixería Praza do Campo (Lugo) ou Queijeria do Almada (Porto), pois ten os mellores queixos da Iberia. Cantar Oh, Brother,de Marvin Gaye. Ler en voz alta a pasaxe de Cunqueiro sobre os viños.

- Cociñar no forno a 180 graos durante 15 minutos. Brindar pola vida, a poder ser acompañado. Repasar algunha historia do Abecedario das Mantenzas (Xerais),de Fausto Galdo.
- Empratar cunha folla de alfábega. Pensar nos poemas dun novo libro. Esquecelos. Comer.


Mil grazas, Lois, por nos atender con tanta xenerosidade e nos deixar esta marabilla gastroliteraria e os nosos máis sinceros parabéns polo traballo realizado a prol da nosa cultura, que será inmorrente en tanto conte con defensores e promotores coma ti. Aperta forte!

2 comentarios:

  1. Una vez mas ha sido un placer venir a leer vuestro completisimo post ,no conocia a Lois Perez y no dudo lo mas minimo que este realizando un gran trabajo afavor de nuestra cultura como tambien estais haciendo vosotros.
    Los canelones seguro que estan de rexupete ,me encantan todos los ingredientes y como los ha presentado.
    Bicos mil y feliz finde wap@s.

    ResponderEliminar