sábado, 30 de xuño de 2018

Arroz ao forno con curry

Despois duns días sen receita nova, recuperamos forzas e ganamos algo de tempo para argallar novos pratos. Velaquí un arroz ao forno. Non é a primeira vez que probamos este tipo de cociñados para o arroz mais si concretamente esta receita. A idea xurdiu dunha visita que demos esta semana ao Graneiro de Amelia, onde sempre experimentamos con especias novas. Entre os diferentes tipos de arroz, demos con este, afumado, que nos levou co cheiro inmediatamente aos tempos de lareira entre xamóns e chourizos a curar... Adoramos!
E ben, o resto era procurar elementos diferentes aos que temos utilizado outras veces e probar a ver que podía saír. Iso si, veredes que non existe complicación e pódese preparar esta receita nun abrir e pechar de ollos. Ademais, sabéndomos xa as propiedades do arroz, daranos para máis dun xantar e tiraremos todo o proveito posíbel á creación. Imos alá!



Arroz ao forno con curry



Ingredientes:

  • 1 vaso de arroz
  • 2 vasos de auga
  • 1-2 crioulos
  • 4-5 champiñóns
  • 1 iogur natural 
  • Unha cullerada de aceite
  • 1 cullerada de curry
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal

Utensilios: unha fonte apta para o forno e unha culler. Opcionalmente, unha cunca para mesturar.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar o arroz co iogur. 


Engadimos o curry, a pementa moída e o sal. 


Botamos, tamén, os champiñóns laminados e os crioulos cortados en anacos. 


A auga e mesturamos moi ben. 


Untamos o molde co aceite e vertemos o arroz cos champiñóns e os crioulos. 


Enfornamos, co forno prequente, a 190º, calor arriba e abaixo, durante 45-50 minutos. Apagamos o forno e deixamos repousar 10 minutos dentro del. 


E xa estaría listo para comer! Agardamos que vos guste e que o poñades en práctica. A foto non manifesta todo o saboroso deste arroz mais non podemos máis que recomendarvos encarecidamente a proba. Tremenda delicia! Pasade unha boa fin de semana e entrade en xullo da mellor forma posíbel :-)

2 comentarios:

  1. A mi el arroz me gusta de todas las maneras y asi con curry , criollos y champiñones al horno no lo he comido nunca.
    Para no variar la receta y el paso a paso es de 20 points.
    Bicos mil y feliz domingo wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, nós cada vez somos máis afeccionados ao arroz, en todas as formas 😘😘

      Eliminar