sábado, 16 de xuño de 2018

Cogomelos ao allo

Bo día, bolboreteir@s!!! Aquí seguimos, agardando xa a chegada do verán e das vacacións e especialmente do bo tempo que parece vai chegar nos próximos días. Hoxe presentamos un destes pratos con escasa dificultade e que se converten nun recurso do máis interesante tanto como gornición como cea lixeira.
Aínda que non é época forte de cogomelos, no noso frigorífico nunca faltan e desta fixemos acopio de diferentes tipos para prepararmos unha delicia. Por certo, tarefa pendente. Aprender a recoller cogomelos. A ver se para o próximo outono... Haha.
Ollade e saboreade :-)



Cogomelos ao allo



Ingredientes:

  • 400 g de cogomelos variados
  • 3-4 dentes de allo
  • 2 culleradas de pirixel
  • 1 chile
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva



Utensilios: picadora ou morteiro, unha tixola, un coitelo e unha culler.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de picar os allos co pirixel, un chisco de allo e unha cullerada de aceite. Reservamos.



Collemos os cogomelos, limpámolos e cortámolos en lascas. Reservamos.


Quentamos nunha tixola dúas culleradas de aceite e engadimos o picado de allo e pirixel. 


Cando comece a rustrirse, engadimos os cogomelos.


Deixamos que se cociñen 8-10 minutos e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que os faigades nas vosas casas! Son un acompañamento ou unha cea excepcional. 



Apetecíbel, verdade? É certo que nós comémolas habitualmente como acompañante aínda que cando están tan boas como nesta receita dá ganas de meter a cabeza na cazola e non optar por nada máis. Que vicio!! 
Ben, xa nos contades como saíron as vosas e por que tipos optastes. Forte aperta, bolboreteir@s!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario