martes, 30 de xaneiro de 2018

Costela asada estilo bolboreteiro

Que tal, amig@s? Como vai este remate de mes? Xa vos diciamos hai nada que a pouco de saír o Nadal xa estariamos entre filloas e ollade, aí vén o Entroido. Nós xa levamos unha boa fartada dos clásicos de cada ano mais xa temos preparada tamén algunha nova receita do país.
Entre tanto seguimos argallando con outras cousiñas. A de hoxe é unha primeira metade que se verá completada o próximo sábado aínda que iso non quere dicir que non sirva por si soa, claro que si. É máis, esta receita sería unha opción ideal para o corpus de receitas do día a día.
Veredes nos ingredientes que optamos por agregar moitos mollos porque é certo que a nós a costela gústanos ben apoiada de sabor mesmo cando pasa pola grella (nese caso tiramos do clásico chimichurri, claro).
Ben, sexa como for, temos a sensación que moit@s ides simpatizar con este costela tan apetitosa. Velaquí fica. A por ela!



Costela asada ao estilo bolboreteiro


Ingredientes:

  • 1 kg de costela
  • 200 g de salsa de tomate
  • 1 cebola
  • 3-4 dentes de allo
  • 3 culleradas de Ketchup
  • 3 culleradas de soia
  • 2 culleradas de Mostaza
  • 2 culleradas de vinagre
  • 1 cullerada de salsa worcestershire (opcional)
  • 1 cullerada de pemento (picante)
  • Pementa moída
  • 1 chile
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, un batedor eléctrico, unha bandexa de forno, papel vexetal e un pincel.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir a cebola e os dentes de allo, cortados en anacos, en dúas culleradas de aceite. Engadimos pementa ao gusto.


Cando abranden, engadimos a mostaza, o ketchup. 




O pemento picante (ou doce).


E a soia, o vinagre e a salsa worcestershire. 


Cociñamos durante 13-15 minutos e trituramos. 


Mentres tanto, colocamos a costela nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal e botamos pementa ao gusto e un chisco de aceite. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. Pasado ese tempo, baixamos o forno a 180º e pintamos a carne coa salsa. Cociñamos durante 50 minutos. Á metade da cocción, témoslle que dar a volta á carne e volvemos pintar coa salsa, para que nos quede unha carne máis saborosa.


Pasado ese tempo, retiramos do forno e xa estaría lista para comer! 


Porén, non vos apuredes moito que o sábado traerémosvos unha receita en que usaremos esta carne. Sexa como for, esta carne merece ben ser degustada de calquera forma posíbel. Non sabemos se a imaxe resalta todo o sabor que contén a carne mais podémosvos garantir que desde o primeiro bocado nos conquistou. Que xoia! Deixámosvos con ela :-) Forte aperta!



Ningún comentario:

Publicar un comentario