martes, 30 de xaneiro de 2018

Costela asada estilo bolboreteiro

Que tal, amig@s? Como vai este remate de mes? Xa vos diciamos hai nada que a pouco de saír o Nadal xa estariamos entre filloas e ollade, aí vén o Entroido. Nós xa levamos unha boa fartada dos clásicos de cada ano mais xa temos preparada tamén algunha nova receita do país.
Entre tanto seguimos argallando con outras cousiñas. A de hoxe é unha primeira metade que se verá completada o próximo sábado aínda que iso non quere dicir que non sirva por si soa, claro que si. É máis, esta receita sería unha opción ideal para o corpus de receitas do día a día.
Veredes nos ingredientes que optamos por agregar moitos mollos porque é certo que a nós a costela gústanos ben apoiada de sabor mesmo cando pasa pola grella (nese caso tiramos do clásico chimichurri, claro).
Ben, sexa como for, temos a sensación que moit@s ides simpatizar con este costela tan apetitosa. Velaquí fica. A por ela!



Costela asada ao estilo bolboreteiro


Ingredientes:

  • 1 kg de costela
  • 200 g de salsa de tomate
  • 1 cebola
  • 3-4 dentes de allo
  • 3 culleradas de Ketchup
  • 3 culleradas de soia
  • 2 culleradas de Mostaza
  • 2 culleradas de vinagre
  • 1 cullerada de salsa worcestershire (opcional)
  • 1 cullerada de pemento (picante)
  • Pementa moída
  • 1 chile
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha tixola, un batedor eléctrico, unha bandexa de forno, papel vexetal e un pincel.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir a cebola e os dentes de allo, cortados en anacos, en dúas culleradas de aceite. Engadimos pementa ao gusto.


Cando abranden, engadimos a mostaza, o ketchup. 




O pemento picante (ou doce).


E a soia, o vinagre e a salsa worcestershire. 


Cociñamos durante 13-15 minutos e trituramos. 


Mentres tanto, colocamos a costela nunha bandexa de forno cuberta con papel vexetal e botamos pementa ao gusto e un chisco de aceite. 


Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos. Pasado ese tempo, baixamos o forno a 180º e pintamos a carne coa salsa. Cociñamos durante 50 minutos. Á metade da cocción, témoslle que dar a volta á carne e volvemos pintar coa salsa, para que nos quede unha carne máis saborosa.


Pasado ese tempo, retiramos do forno e xa estaría lista para comer! 


Porén, non vos apuredes moito que o sábado traerémosvos unha receita en que usaremos esta carne. Sexa como for, esta carne merece ben ser degustada de calquera forma posíbel. Non sabemos se a imaxe resalta todo o sabor que contén a carne mais podémosvos garantir que desde o primeiro bocado nos conquistou. Que xoia! Deixámosvos con ela :-) Forte aperta!



3 comentarios:

  1. Tratándose da costela dun porco caseiro, paga a pena tanta "salsallada"? Tradicionalmente, na miña terra sepáranse as costelas do 75% da súa carne e guísanse moi lentamente en pota de ferro na plancha e calor envolvente de cociña de ferro. Moi lentamente e durante bastante tempo. Xamais se meten no forno e, menos aínda, se embuchan en tripa algunha. Iso é pecado. Asada na pota de ferro, váiselle tirando a gordura derretida aos poucos, ata que fican asadillas que dé xenio velas. Acompáñanse de cachelos ben deshidratados e acabados de escoar (non vale deixalos na auga nin escoalos e telos así máis de 15 minutiños; hai que deshidratar as patacas e comelas de contado, botando vapor). O seu sabor deste xeito ten pouco que ver coa costela de porco de granxa asada no churrasco ou no forno. Claro que isto é unha simple opinión e gusto persoal.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola! Antes de nada, mil grazas por comentares e por nos ofrecer as recomendacións.
      Nós non contamos con porco caseiro (por desgraza!) nin tampouco con cociña de leña, que sempre ofrecen un plus de calidade evidente. Sexa como for, non pretendemos sentar cátedra sobre a única forma de cociñar a costela, nin moito menos. Simplemente pretendemos ofrecer unha posibilidade entre outras moitas que a nós nos gustou moito e que cremos que pode servir a varias persoas.
      Aperta forte!

      Eliminar