sábado, 27 de xaneiro de 2018

Scones

Bo día, bolboreteir@s!! Como levades a fin de semana? Con ganas, non? Pois por aquí estamos aproveitando xa a mañá para preparar unhas receitas impresionantes que vos presentaremos proximamente e para acabar de papar estes scones que hoxe vos presentamos e que se converteron na revelación gastronómica do mes.
Encontrámonos con esta receita de casualidade xa que nunca escoitaramos falar até o momento dos ditos scones. Investigamos un pouquiño e pareceunos interesante preparar un clásico da cociña escocesa que até o momento non tivera cabida no blogue aínda que si a británica, por exemplo, nestas tortas galesas.
Ben, ao principio estabamos pensando neles como un pan para acompañar aínda que ao ter un toque doce talvez fose máis adecuado para a sobremesa. Unha vez degustados temos claro que serve para calquera momento do día aínda que talvez onde mellor cadren sexa no almorzo ou na merenda. Nós estámolos papando case a cada comida porque son todo un vicio. Se queredes aprender a preparalos, esta é a vosa!


Scones


Ingredientes:


  • 225 g de fariña, máis para amasar
  • 90 g de manteiga
  • 70 ml de leite, máis para pintar
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de azucre
  • 1 ovo
  • Framboesas
  • Un chisco de sal

Utensilios: unha cunca,  un rolete, un vaso, unha bandexa para o forno e papel vexetal.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña, o lévedo, o azucre e o chisco de sal. 



Engadimos a manteiga e amasamos até conseguir unha especie de migas. 




Agregamos as framboesas cortadas en anacos. 



Batemos o leite co ovo. 


E agregámolo á mestura anterior. 


Enfariñamos unha superficie e continuamos amasando até conseguir unha masa elástica e homoxénea.  


Estirámola, ten que quedar algo grosa, 2 cm aproximadamente. E, coa axuda dun vaso, imos cortando a masa en porcións. 


Colocámolos sobre unha bandexa de forno cuberta con papel vexetal. 


Pintámolos con leite. 


Enfornámolos a 200º, co forno prequente, calor arriba e abaixo, durante 12 minutos.


Deixamos que arrefríen un pouco e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que os faigades! Recordade mandarnos fotos dos vosos resultados para comprobarmos que vós tamén chegastes ao éxito, aínda que iso está garantido neste receita. 
Nós xa gardamos estes scones na sección de receitas a preparar con frecuencia. Como para darse o luxo de non papar tremenda delicia :-) Tede unha moi boa fin de semana! Fortísima aperta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario