domingo, 11 de outubro de 2020

Mini quiches variados

Boas, amig@s! Que tal estades? Supoño que con paciencia e aproveitando os momentos de relax na casiña, que é onde mellor se está esta tempada. 

Nós aproveitamos esta ponte para limpar e organizar, e tamén para preparar algunha cousiña nova para vós. E desta volta tiramos por un dos estilos que máis nos gusta, o do reaproveitamento. Ollamos o frigorífico e co que quedaba, optamos por unha receita que lle dese cabida a varios destes produtos, chegándomos así a estes mini quiches que non teñen dificultade ningunha e nos dan un prato diferente e ben sabedeiro. Fixémolos, iso si, en versión peque porque era a maneira de crear varias opcións. Se gustades dunha versión en especial, xa sabades, facede unha quiche ben grande e a gozar. Aí vai!



Mini quiches variados

Ingredientes:

  • 2 lascas de masa brisa
  • 200 ml de nata para cociñar
  • 3 ovos
  • Queixo relado
  • Pementa moída
  • Sal
Para os mini quiches de carne:
  • Carne picada
  • 1/2 pemento vermello
  • 1/2 cebola
  • Curry
Para os mini quiches de verduras:
  • 2-3 champiñóns
  • 1 pemento verde
  • 1 cenoria
  • 1 cebola
Para os mini quiches de bacon:
  • Bacon
  • 1/2 cebola

Utensilios: varias tixolas, unha táboa e un coitelo, un molde para madalenas, un vaso batedor e un batedor manual (ou eléctrico).


Elaboración:


Para comezarmos, temos que cortar a masa brisa para adaptala aos moldes. Reservamos. 


A continuación, facemos os recheos. O recheo da carne picada xa o tiñamos feito (reaproveitamos as sobras). Rustrimos a cebola e o pemento, engadimos a carne e deixamos que se faga moi ben. Despois, botamos unha culleriña de curry


Para o recheo das verduriñas, picamos moi finamente todas a cebola, a cenoria e o pemento. Cando estean brandiños, agregamos os champis, tamén cortados pequeniños. 

           
E, para o último recheo, temos de rustrir a cebola. Cando abrande, agregamos o bacon para que quede ben crocante.

       

De seguir, batemos os ovos coa nata e salpementamos ao noso gusto. Botamos a mistura sobre cada recheo.


Agregamos o queixo relado. Nós probamos en dous con queixo de cabra e tamén están moi ricos. 


Enfornamos a 190º, calor arriba e abaixo, co forno prequente, e cociñamos 20 minutos.


E xa estarían listos para comer! Entraron de marabilla e apenas sobraron un par. Alén de sabedeiros, non precisan moito máis para conformaren por eles mesmos un menú exquisito. Así que, se andades se ideas, aquí unha ben gorentosa. Forte aperta, bolboreteir@s!

1 comentario: